O Museo de Pontevedra reforza a exposición permanente sobre a Guerra Civil e o exilio con tres obras de Uxío Souto e Arturo Souto
PONTEVEDRA
«Campo de concentración» fora cedida a finais de 2020 ao Museo Reina Sofía, onde se exhibiu ata o ano pasado
24 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Museo de Pontevedra acaba de enriquecer o espazo que dedica na exposición permanente a como os artistas galegos plasmaron a violencia da Guerra Civil e a represión desatada logo do golpe de estado de 1936 con tres obras firmadas por Arturo Souto e Uxío Souto.
Dende a Deputación de Pontevedra precisaron que foi no 2021 cando se habilitou no Museo unha «nova sección na que mostrar obras referentes á Guerra Civil e ao exilio en Galicia, contemporáneas dos debuxos dos tres álbums de guerra que realizou Castelao e cuxos orixinais tamén se exhiben no Museo», espazo que conta, a maiores, con obras de Federico Ribas, Uxío Souto e Arturo Souto.
Deste último, incorpóranse agora dúas novas escenas de guerra, «dúas litografías pertencentes a un álbum que se descoñece se chegou a ser publicado e que probablemente se exhibiron en Valencia en marzo ou abril de 1937». Mentres que unha delas presenta o levantamento dun grupo de campesiños, con muíños típicos de La Mancha ao fondo, a segunda recolle o momento en que un grupo de tres milicianos se protexe dos disparos durante o combate para atender a un compañeiro ferido.
Dende a Deputación precisaron que, «con estes, son catro os gravados deste álbum de Arturo Souto que se exhiben no Museo de Pontevedra, e xunto a eles o debuxo Escena de bombardeo en Madrid, que estivo co Guernica de Picasso no pavillón español na Exposición Internacional des Arts et Técniques do 1937 en París e logo en Bruxelas».
A terceira obra que se pode contemplar xa na exposición permanente é o debuxo a cor Campo de concentración, de Uxío Souto, artista que se dedicou principalmente á escultura, pero que «realizou esta obra en 1944 recollendo a súa experiencia no campo de concentración francés de Barcarés, no que el mesmo estivo internado cando fuxiu a través dos Pirineos».
Esta obra fora cedida a finais de 2020 ao Museo Reina Sofía, onde se exhibiu ata o ano pasado, se ben recentemente expúxose na Residencia de Estudiantes de Madrid na mostra Intolerancia. España en una Europa convulsa (1914-1945). Agora amosase por primeira vez na exposición permanente do Edificio Castelao. Na mostra da Residencia de Estudiantes participaron outros dous debuxos de Uxío Souto, Cruce dos Pirineos e A véspera no campo de concentración, que agora volven pendurar das paredes do Edificio Castelao.