+Escénicas programa 138 espectáculos en 50 concellos de Pontevedra ata marzo do 2027

Alfredo López Penide
López PEnide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Tomiño, o único municipio que non participa desta iniciativa

19 may 2026 . Actualizado a las 20:37 h.

Cunha actuación de Clara Ferrao, que amosou un fragmento da súa peza Miñaxoia, arrancou este luns a presentación da programación do terceiro circuíto +Escénicas, iniciativa que, tal e como sinalou o deputado Jorge Cubela, busca apoiar dende a Deputación de Pontevedra as artes escénicas. Tras destacar que nesta edición incrementouse un 36 % o orzamento con respecto á primeira, recoñeceu, no seu rol de alcalde de Cerdedo Cotobade, que «sen este apoio, sen esta axuda seriámonos moi difícil dende o concello programar, calendar, contratar actuacións deste nivel».

Luis López, pola súa banda, incidiu no feito de que, dende o seu nacemento no 2024, o organismo provincial foi reforzando este programa «e temos unha terceira edición, onde hai máis orzamento, 204.000 euros, trinta mil euros máis que a primeira edición; máis cooperación, onde os concellos poden recibir ata catro mil euros; máis actuacións, 138», que se estenderán ata marzo do 2027 e das que 105 representaranse en galego. O presidente da Deputación de Pontevedra, de igual modo, confirmou que, dos 51 concellos de menos de 20.000 habitantes que podían participar deste programa, só Tomiño declinou facelo.

«Éxito absoluto»

«Hai tres anos presentabamos o primeiro circuíto provincial de artes escénicas. Hoxe +Escénicas xa é un proxecto consolidado e un éxito absoluto», engadiu con respecto a unha iniciativa que permitirá aos concellos programar ata cinco eventos, sempre que polo menos un sexa de danza. A Deputación de Pontevedra cofinancia o 90 % do custo da programación nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80 %, nos de menos de 10.000, e o 70 % nos de menos de 20.000.

+Escénicas dispón dun catálogo de máis de 250 compañías que ofrecen ata 600 espectáculos. Dende o sector, Diego Vázquez Meizoso, xerente de Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), confirmou que este programa foi unha demanda histórica do seu colectivo dende hai «moitísimos anos», polo que «é xusto dicir que esta corporación» foi a primeira en impulsar este circuíto profesional de artes escénicas na provincia de Pontevedra. Rematou cunha petición: «Ir aumentando o orzamento ano a ano».