Teatro, exposiciones, cinema, literatura... Pontevedra, cidade das artes
PONTEVEDRA
O CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra programou na Ferrería o Concerto a 3 bandas
14 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Teatro, literatura, cinema... Numerosas propostas completan a axenda cultural de Pontevedra e a súa contorna este xoves.
Literatura
Hoxe • 19.30 horas • Espazo Lector Nobel • O escritor Denis Maza presenta o libro Al girar la rueda.
Documental
Hoxe • 20.00 horas • A Pedreira • Organizada pola Irmandade Antiespecista de Pontevedra e A Pedreira, proxección de Seantience, peza audiovisual producida pola Fundación Ética Animal en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela centrada na sintiencia dos animais mariños. Isto é, «propón unha reflexión arredor da capacidade de sentir dos animais que habitan os océanos, poñendo o foco nas súas experiencias, necesidades e formas de vida». Tras a proxección, coloquio aberto con Olaia Freiría, activista antiespecista, coordinadora xeral de Ética Animal e cofundadora de Fundación Derechos para los Animales e Equanimal.
Gastronomía
Hoxe • 12.30 a 18.30 horas • Praza do Concello de Barro • Continúa a xira das food trucks da Deputación de Pontevedra do Sabor das Rías Baixas con parada en, entre outros concellos, Barro.
Teatro
Hoxe • 11.00 horas • CEIP A Lama • A Deputación de Pontevedra leva unha nova edición do circuíto +Escénicas a este centro educativo programando Letras a escena, de Colectivo Xurelo.
Teatro
Hoxe • 11.00 horas • CEIP Domingo Fontán • Dentro do ciclo +Escénicas da Deputación de Pontevedra, este colexio de Portas acollerá o espectáculo Os Contos de Lobicán, de Redrum Teatro.
Música
Hoxe • 19.30 horas • A Ferrería • Dentro da programación de Maio, Mes da Lingua, o CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra organiza o Concerto a 3 bandas, que xuntará ás dúas bandas do conservatorio coa de Tenorio: «Contaremos cun volume de alumnado de 200 persoas tocando xuntas máis un coro de 50», reseñou Jose Pérez, vicedirector do CMUS Manuel Quiroga.
Obradoiro poético
Hoxe • 18.30 horas • Facultade de Belas Artes • A Sala O Abrigo acolle o obradoiro poético Vivir sendo muller, dirixido por Noa Fontán, centrado «en reflexionar, cunha mirada feminista, sobre o territorio galego a través das súas poetisas contemporáneas».
Cine
Hoxe • 20.00 horas • Facultade de Belas Artes • Proxección de Mi querida señorita, de Jaime de Armiñán, no marco da programación da novena edición da Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, Ambienta. Este clásico do cine español vén de ser recuperado nun remake producido polos Javis e con guión de Alana S. Portero.
Música
Hoxe • 20.00 horas • UNED • O centro pontevedrés con Paixón en Clave de Tango, de Irene Aschero, ofrece «unha oportunidade única para desfrutar dunha expresión artística profundamente arraigada na tradición cultural, como é o tango» nun espectáculo que «combina música, emoción e narrativa escénica, ofrecendo unha experiencia que transcende o meramente artístico para converterse nun vehículo de transmisión cultural e sensibilización estética».
Exposición
Hoxe • 20.00 horas • Facultade de Belas Artes • A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes acolle ata o 27 de xuño a exposición colectiva A derruba, na que «o uso do residuo na práctica artística contemporánea conecta as obras de oito artistas de diferentes xeracións, todos eles vinculados á facultade» pontevedresa.