Diego Bará, guionista: «Virxinia e Castelao era unha materia pendente»
PONTEVEDRA
O máis complexo desta obra considera que foi contar «as vidas de xeito poético e tamén levalo á unha linguaxe para as crianzas, para o público máis novo»
30 abr 2026 . Actualizado a las 09:54 h.«Xa o ano pasado publicara a historia de María Miramontes e Ánxel Casal con Cumio, que teñen unha colección que trata sobre personaxes importantes da historia do noso país, e este ano tocou Virxinia e Castelao, que creo que era unha materia pendente. De Castelao si que hai máis obra, pero de Virxinia Pereira, non tanto. Pensamos que era unha boa oportunidade de xuntar a esta parella de vida, a esta parella que compartiu tantos momentos e falar sobre ela», explica o guionista Diego Bará sobre a xénese do álbum Virxinia e Castelao.
—Como foi traballar con Bea Gregores?
—Foi un traballo bastante separado porque, por unha parte, ela fai as ilustracións e, por outra, fago eu o texto. Non temos un traballo tan directo. Ela fixo as ilustracións despois e, ao velo todo xunto, creo que cadrou á perfección. É un luxo traballar con ela e estou moi agradecido.
—Que foi o máis complicado de trasladar a vida de Virxinia e Castelao a un álbum ilustrado?
—Creo que contalo de forma poética, porque a colección está feita así, cóntanse as vidas de xeito poético e tamén levalo á unha linguaxe para as crianzas, para o público máis novo. Ás veces, son cousas que son difíciles de contar pola crueldade que hai en determinados momentos históricos ou polo terror e a violencia que hai en diferentes episodios.
—Houbo algo que lle chamara á atención, que lle sorprendera?
—Si, sempre hai algo que che queda sen saber. Castelao e Virxinia son dúas persoas que eran referentes para min, polo que tiña xa información a man, pero sempre intentas investigar un pouco e saber algo máis. De Virxinia fun sabendo máis cousas, porque de Castelao o temos máis ao día.