Unha exposición amosa en Pontevedra a Guerra Civil española a través dos debuxos dos nenos que sufriron o conflito bélico

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Manuel Morquecho e Demetrio Gómez, na presentación da exposición «E ademais debuxan!»
Manuel Morquecho e Demetrio Gómez, na presentación da exposición «E ademais debuxan!» LÓPEZ PENIDE

A mostra compila ilustracións realizadas entre 1937 e 1938 que salvagardaron os cuáqueros

22 abr 2026 . Actualizado a las 19:16 h.

Se no pasado Salón do Libro de Pontevedra púidose recorrer a exposición HeArt of Gaza, mostra que recollía unha serie de debuxos realizados por nenos palestinos, a partires do 6 de maio e ata o 5 de xuño a Casa das Campás acollerá E ademais debuxan! Esta exposición compila case que medio cento, concretamente 48, debuxos realizados durante a Guerra Civil por nenas e nenos evacuados a Levante e exiliados a antiga URRS.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, subliñou que «non tivemos dúbidas á hora de traer esta exposición a Pontevedra, nesta época na que estamos vendo outra vez guerras de corte imperialista, guerras que moitas veces teñen moitas similitudes coas que fixo o fascismo nos anos 20 e 30. Vemos como os nenos son vítimas inocentes sempre e como sofren». Na súa intervención o edil vinculou casos como o bombardeo dunha escola en Irán ou os asasinatos de crianzas no Líbano e Palestina co golpe de Estado de 1936, que «provocou un sufrimento semellante nos nenos (...). Estes debuxos permiten entender como sofre a cativada nas guerras de hoxe en día».

Pola súa banda, Manuel Morquecho, nexo de unión entre o Concello e os responsables da mostra, explicou que os debuxos realizados polos nenos nos anos 1937 e 1938 foron compilados por un grupo de cuáqueros que se desprazaran dende Estados Unidos a España. Con estas ilustracións fixeron un libro, They still draw pictures, que foi prologado polo escritor Aldous Huxley e que vendían por un euro para recadar fondos para realizar residencias e crear espazos para que os nenos tiveran unha mellor vida e puideran manterse lonxe da guerra.

Comisariada por Vladimir Merino, fillo dunha nena exiliada á URSS, e a historiadora Gloria Martínez Dorado, consta de 48 debuxos en formato PVC, dos que corenta son copias dixitais de alta definición procedentes da Biblioteca Nacional de España, realizados por nenos evacuados cara ao Levante. Os oito restantes corresponden a nenos que foron exiliados na antiga URSS, cuxas obras se conservan hoxe no Arxiu Nacional de Catalunya. En total, os cuáqueros recuperaron preto de un milleiro de debuxos, de tal xeito que, ademais de en estas dúas institucións, consérvanse na Universidade de Columbia (USA).

O propio Vladimir Merino ten previsto impartir diferentes charlas con escolares, así como ofrecer a conferencia o 8 de maio (19.00 h.) E ademais debuxan! para público en xeral con entrada libre cunha posterior visita guiada. Pola súa banda, dende o Concello, no marco desta mostra, decidiron recuperar o roteiro literario Mañá será outro día. Literatura e exilio en Pontevedra’ da man de Maos Innovación, que se desenvolverá o 9 de maio ás 12.00 horas con inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal.