Gabri Reigosa, de Dakidarría: «Coidar as crianzas tamén é reivindicar un mundo mellor»

PONTEVEDRA

Gabri Reigosa, cantande de Dakidarría, primeiro pola esquerda
Gabri Reigosa, cantande de Dakidarría, primeiro pola esquerda

O cantante de Dakidarría, grupo que comezou unha nova xira, compuxo un tema para a súa filla, «A primeira estrela que saia»

19 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Non dubida en recoñecer que o sinxelo A primeira estrela que saia apártase totalmente ao que Dakidarría ten acostumado ao seu público. «Si, é certo. Xa nos últimos anos Dakidarría tende a saír un pouco da súa zona de confort máis ampla, ese espectro de punk rock, ska, rock... Realmente, cada canción ten alma e cada canción e quen decide un acompañamento diferente, e se nos vemos capaces de facelo, por que non. Esta canción, en concreto, ao ser unha canción tan íntima, falando do que un pai lle pode dicir á unha filla cando é pequena saíunos moi redondiña, moi tranquiliña, moi bonita e non nos pediu darlle outra cor que esta», sinala Gabri Reigosa, cantante da banda Dakidarría.

—E como a recibiu a familia?

—Foi un mar de bágoas, a verdade. É unha canción moi emotiva, creo que transmite ben o que a maioría dos pais ou das nais queren dicir aos seus fillos, algunhas das cousas que lles podemos dicir ás crianzas cando aínda non saben o que ven con esta perspectiva do paso dalgún tempillo máis do que eles viviron, poderlles explicar o que cremos que lles pode axudar. Entón, fai que chegue profundamente ás almas da xente que a escoita. A verdade é que a volta foi de moita emoción, de moita xente comentando que se emocionou, que chorou...

—E antes de sacala, antes dala a coñecer, non sentides algo de certo temor a que a xente non a comprenda, non comprenda este paso que dades?

—Non. Creo que o noso público xa coñece a Dakidarría e sabe que nunca imos estar cinguidos a un estilo, nunca imos reproducir cancións, saben que a mensaxe para nós vai por enriba de calquera cousa. E esta canción había que acompañala. Primeiro, porque Sara, que é a miña filla e a protagonista da canción, cando lle presentei a música, encantoulle. Ela era a primeira xuíza e non parou de tararear o estribillo, e afianzou a nosa decisión. Nós non temos medo, dentro das nosas posibilidades musicais, a facer o estilo que nos dea a gana. Creo que despois de 23 anos temos suficiente bagaxe para poder decidir por que estilo musical tiramos en cada canción. O noso público sabe que fagamos unha canción así non significa que todas vaian ser así. Significa que a ocasión así o requiría.

—Entón non abandonades a vosa vea reivindicativa?

—Non, pero é que coidar ás crianzas tamén é reivindicar un mundo mellor. Falar coas crianzas de cousas importantes, de estar, achegarse a elas para explicarlles o teu xeito de ver o mundo, tamén é reivindicar un mundo mellor. Ao final, todas as cancións de Dakidarría son cancións de amor. E está é o seu máximo expoñente.

—E certo que foi a máis complicada ou difícil de escribir?

—Si, evidentemente. Na maioría dos casos, as persoas que son persoas cando nace un fillo o unha filla, no meu caso é unha única filla, ademais, aprendes un amor novo, aprendes un xeito de querer diferente, superlativo, elevado ao máximo expoñente. Xa tentar expresar calquera tipo de amor nunha canción é moi difícil, expresar isto facíaseme imposible. Levo con esta canción na cabeza... tentando facer unha canción á Sara desde que naceu e xa vai cumprir 8 anos agora. Non atopaba as verbas. E para facer unha canción que non me convence, non o fago nunca e menos neste caso. Tamén é certo que cando foron aparecendo as palabras, as melodías... aí non o dubidei nunca. Unha vez que empezaron a brotar as frases, sabía que íamos acabar a canción e quería estar orgulloso dela, como así foi.

—Ao marxe de «A primeira estrela que saia», acabades de comezar unha xira, será longa?

—Non é a xira máis extensa de Dakidarría dos últimos anos porque estamos preparando ao mesmo tempo o novo traballo. A canción é un adianto dese traballo. Agardamos facer unhas poucas datas ata despois do verán, ata o mes de outubro e a final de ano xa estaremos preparados para no 2027 presentar un novo show, unha nova posta de cena. Así que este ano é un ano de elixir ben as datas que facemos, de tocar pretiño da casa e traballar no disco.

—Veremos a Dakidarría por Pontevedra ou por aquí preto?

—Si, si. Sabedes que nós na Galiza no verán sempre visitamos todas as provincias e, sobre todo, Pontevedra, que é a nosa casa, tentamos facer dous ou tres concertos. Polo tanto, vai haber algún. Hai un moi pretiño, pero que non podo anunciar aínda, pero moi pretiño, moi pretiño, que vai ser moi bonito.