En Amorodios «o jazz e a música tradicional dialogan baixo orixinal cosmovisión da música de Xan»
17 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A libraría Paz acolle, a partires das 19.00 horas, unha sesión de escoita do último disco do pianista Xan Campos, Amorodios. Estarán presentes o propio artista e a fotógrafa Helena Constela, autora da portada do álbum, para acompañar ao público nun percorrido por un traballo «no que o jazz e a música tradicional dialogan baixo orixinal cosmovisión da música de Xan».
Deste xeito, «máis que unha presentación ao uso, a cita propón un encontro arredor do álbum: unha escoita en vinilo de principio a fin, en comunidade e en compañía do seu creador. Ao longo da sesión, Campos irá comentando os temas, deténdose no proceso creativo e compartindo algunhas das historias e anécdotas que atravesan o proxecto».
Estos encontros teñen a súa orixe na cultura do vinilo e do jazz cando, nos anos 50, «músicos, críticos e afeccionados se reunían para escoitar discos recentemente publicados e comentalos en grupo. Discográficas como Blue Note ou Motown popularizaron este tipo de sesións, que máis tarde pasarían a coñecerse como listening parties dentro da industria musical anglosaxoa», engadiron.
Amorodios é o último disco de Xan Campos no que está acompañado pola cantante Faia Díaz, o guitarrista Virxilio da Silva e o batería Iago Fernández.