Pontevedra pon en valor a regueifa coa entrega dos premios aos mellores traballos audiovisuais de improvisación oral
PONTEVEDRA
Unha vintena de colexios e institutos de toda Galicia participaron nesta última edición, a novena, de Enreguéifate
16 abr 2026 . Actualizado a las 15:04 h.O Pazo da Cultura de Pontevedra abriu este xoves as súas portas aos mellores traballos audiovisuais de improvisación oral no que foi a gala de entrega dos premios da novena edición do certame Enreguéifate. Este proxecto, promovido polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo, «busca difundir a regueifa, un claro exemplo de patrimonio inmaterial que continúa a se renovar xeración tras xeración, e fomentar o uso do galego entre a mocidade», destacaron dende a organización.
Conducido polo mestre e regueifeiro Manolo Maseda, así como contou coa presenza do tamén mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende, e as formadoras do Enreguéifate Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Xairo d'Herbón, Cristian de Burela, O Rabelo e Manuele Pardo. Estaba previsto que a gala contase, ademais, coas actuacións musicais da Orquestra da Regueifa, formada polo alumnado do IES do Milladoiro de Ames, o IES Antonio Fraguas de antiago de Compostela e o IES Xulián Magariños de Negreira, así como de xmaseda65, artista viveirense «pioneiro da nova escena urbana galega».
En canto aos galardóns, os vídeos premiados na categoría xeral foron os de Saúde e lingua!, de Regueifeiras do CIOV (Vigo) como Regueifa máis brava; Reguei-FIT-eiros, de Arrieiro e Chaminho, de Cambre e Malpica como Regueifa máis aguda; Viaxes improvisadas, de R5 Aeroliñas Regueifeiras, da Escola da Regueifa de Carballo como Regueifa máis diversa; Regueifa informativa, de Reporteiros regueifeiros de Pontevedra como Regueifa máis reivindicativa; A vida con humor, dos Coros Virxe da Renda e Casa Rosada de Poio como Regueifa mellor cantada; Flores e cores, de Familia V.A., de Santiago de Compostela como Regueifa mellor falada; O home contra a máquina, de Teiseiros regueifeiros do Centro de Inclusión Fundación de Santa Cruz en Vigo como Regueifa máis inclusiva; e Regueifa do Entroido, de Regueifeirxs do Entroido de Santiago de Compostela como Regueifa máis entroideira.
Pola súa banda, en categoría escolar os premios recairon en A mocidade anda nas verzas, de Os fervellasverzas do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo de Carballo como Regueifa máis brava; Misión onomástica, de Astrovacas do IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela como Regueifa máis aguda; Regueifa universal, de Lopeiros do CEIP Plurilingüe Lope de Vega de Vigo como Regueifa máis diversa; A regueifa é mundial, de Pois Disque Cantamos do IES de Melide como Regueifa máis reivindicativa; Antes ou agora?, de Regueifando en Dodro do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro como Regueifa mellor cantada; Churras, churras, churras!, de Regueifeiras da Chá do IES Basanta Silva de Vilalba como Regueifa mellor falada; Un día con nós, de As e os regueifeiros do Quiroga, 4º C, do CEIP Plurilingüe Cardeal Quiroga Palacios de Santiago de Compostela como Regueifa máis inclusiva; e Duelo de Entroido: Valenza vs. Rececinde, de Faísca Bergantiñá do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco como Regueifa máis entroideira.
As previsións apuntaban a que preto de oitocentas persoas, entre elas, as persoas gañadoras do certame Enreguéifate ?que recollerán cadanseu premio?, ademais dunha vintena de colexios e institutos de toda Galicia que participaron no proxecto nesta última edición, así como unha representación institucional dos concellos impulsores, asistiran a unha gala que contou coa interpretación en lingua de signos a cargo de dúas integrantes da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA).