A feira desenvolverase ao longo desta fin de semana
08 abr 2026 . Actualizado a las 05:05 h.Ao longo desta fin de semana, A Seca converterase no gran escaparate comercial do concello coa celebración da terceira edición de PoioMostra. Deste xeito, dende o venres e ata o domingo, este espazo converterase nun auténtico punto de encontro entre negocios e público, cun recinto totalmente acondicionado con carpa e cunha distribución deseñada para ofrecer unha experiencia cómoda, accesible e dinámica tanto para expositores como para visitantes, destacaron dende o goberno local.
Engadiron que, co cartel de «completo» colgado desde hai días, PoioMostra contará coa participación de preto de corenta comercios e concesionarios, que amosarán unha ampla e variada oferta de produtos e servizos. «Moda, complementos, alimentación, mobles, decoración ou xardinería serán algúns dos sectores representados nun evento que destaca pola súa diversidade e calidade», precisaron.
De igual xeito, na zona exterior habilitarase unha exposición de vehículos de ocasión e seminovos de distintas marcas, favorecendo o contacto directo entre profesionais do sector e potenciais compradores.
Con entrada gratuíta, o horario de apertura será o venres de 16.00 a 21.00 horas, o sábado de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 22.00 horas, e o domingo de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.