Novos Cinemas de Pontevedra abre ata setembro a recepción de pezas da sección Oficial e Latexos
PONTEVEDRA
Poderán participar longametraxes que sexan primeira ou segunda obra, «sempre que non fosen estreadas comercialmente en España nin exhibidas en televisión»
08 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Ata o vindeiro 1 de setembro, o festival Novos Cinemas de Pontevedra manterá aberto o prazo para recepcionar pezas audiovisuais para a súa undécima edición, que terá lugar do 8 ao 13 de decembro. Dende a organización destacaron que, «once anos despois do seu nacemento, o festival continúa a ser un espazo de chegada para primeiras e segundas películas que buscan o seu lugar no circuíto internacional», de tal xeito que «cineastas de todo o mundo poderán inscribir as súas longametraxes en dúas das seccións competitivas do festival: a Sección Oficial e Latexos».
A Oficial está «orientada a propostas cinematográficas arriscadas e heterodoxas», mentres que Latexos está «destinada a visibilizar obras de carácter íntimo e de produción máis contida». En ambos casos, poderán participar longametraxes que sexan primeira ou segunda obra, «sempre que non fosen estreadas comercialmente en España nin exhibidas en televisión no momento da inscrición».
No que respecta a terceira sección competitiva, Ceres, esta última dirixida a centros de ensino e formación cinematográfica e audiovisual de España e Portugal, anunciarase proximamente a apertura do prazo de recepción de obras.
Novos Cinemas concederá seis premios á mellor longametraxe e á mellor dirección da Sección Oficial, Ceres, Premio da Crítica, Latexos e Público.