O bailarín e coreógrafo Fran Martínez, seleccionado para a residencia artística do convento de Santa Clara

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O bailarín e coreógrafo Fran Martínez
O bailarín e coreógrafo Fran Martínez LUCÍA ESTÉVEZ

Desenvolverá o proxecto «Transfixión» no marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra

08 abr 2026 . Actualizado a las 16:10 h.

As Residencias Paraíso, programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro en Galicia, anunciaron este martes aos artistas seleccionados para a súa décima edición, que se desenvolverá ao longo deste 2026 nunha decena de espazos de toda Galicia, entre os que se atopa o convento de Santa Clara de Pontevedra. Deste xeito, entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM, entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea na comunidade galega, ven de seleccionar ao bailarín e coreógrafo galego Fran Martínez, quen desenvolverá o proxecto Transfixión o vindeiro maio nunha residencia no convento de Santa Clara, dentro do marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra.

O bailarín e coreógrafo Fran Martínez
O bailarín e coreógrafo Fran Martínez LUCÍA ESTÉVEZ

Dende as Residencias Paraíso destacaron que se trata dunha «peza sobre o facer e o misticismo de baixa intensidade. A través do ir e vir entre o dentro, escuro e introspectivo, e o fóra, visible e indescifrable, Martínez explora a espesura do movemento e da percepción, xerando un espazo onde corpo, tempo e sensación se entrelazan nunha experiencia sensorial e poética».

Posteriormente, Fran Martínez presentará a súa obra en proceso como parte da programación da Bienal de Artes Vivas, que se desenvolverá en Santa Clara do 2 ao 12 de xullo.

E, xa no mes de setembro, xunto co resto dos artistas residentes seleccionados, participará no Encontro Residencias Paraíso na Illa de San Simón, no Concello de Redondela.