O Museo de Pontevedra impulsa un programa para facilitar o acceso á cultura a familias con nenos con autismo

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Mercedes Herran

Os interesados dispoñen ata o 17 de abril para inscribirse

06 abr 2026 . Actualizado a las 17:11 h.

O Museo de Pontevedra e Empower, entidade especializada en mediación e aprendizaxe cultural, activan o programa Empower Parents co obxectivo de facilitar o acceso á cultura ás familias con nenas e nenos con autismo. Deste xeito, sete familias poderán participar na primeira edición en Galicia deste programa, que se desenvolverá de maio a novembro.

A intención, segundo destacaron dende a Deputación de Pontevedra, «é consolidar un museo máis aberto, próximo e preparado para atender a diversidade, xerando tamén un vínculo continuado entre as familias e o equipo educativo».

Empower Parents consta de dúas fases. Na primeira, o equipo do Museo recibe formación específica en accesibilidade, mentres que, na segunda, o equipo aplicará todo o aprendido en dezaseis sesións coas familias e cos nenos participantes. Estas reunións desenvólvense no Museo e incorporan dinámicas sensoriais, metodoloxías prácticas e materiais accesibles, deseñados para favorecer a experimentación e a accesibilidade cultural.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de abril a través do formulario https://forms.gle/eNL6BWbWrnEVed4j7.

Entre as familias interesadas seleccionaranse, mediante entrevista, as sete que participarán nesta primeira edición a partir do 14 de maio. A proposta está dirixida a familias con nenos con autismo de 5 a 12 anos.

Este é o primeiro programa de Empower Parents que se desenvolve en Galicia, despois de vir realizándose con éxito desde 2013 en museos e salas de arte da Comunidade de Madrid, a Comunidade Valenciana e Castela e León. «O Museo de Pontevedra ten vocación de ser útil a toda a sociedade, e con este fin lanza este proxecto, que se une a outras iniciativas xa en marcha. As nosas propostas no ámbito da inclusión permiten a persoas con diferentes circunstancias vitais gozar da arte e atopar no Museo un espazo propicio para o seu benestar e o seu enriquecemento», destacou a directora Ángeles Tilve.

Pola súa banda, Laura Donis, fundadora e CEO de Empower, salientou«a implicación do Museo de Pontevedra reflicte como as institucións culturais poden converterse en motores de cambio real cando sitúan as persoas no centro da súa actividade, especialmente aquelas que habitualmente atopan maiores obstáculos para acceder á cultura».