Zeltia Irevire estrea novo sinxelo, «As Mouras», coa mirada posta nos incendios que asolagaron O Caurel

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Fotograma do videoclip «As Mouras»
Fotograma do videoclip «As Mouras»

O videoclip transporta ao espectador a un espazo natural onde as mouras son as protagonistas para falar dun territorio onde a natureza, a memoria e o mito conviven

27 mar 2026 . Actualizado a las 14:46 h.

As mouras son seres mitolóxicos femininos que, segundo a tradición galega e portuguesa, habitan os ríos, os castros, os penedos ou as covas. As Mouras é tamén o título do último sinxelo de Zeltia Irevire, un tema que «naceu tralos incendios forestais do 2022 que afectaron e puxeron en perigo a moitas aldeas do Caurel e a un dos bosques autóctonos máis antigos de Galicia, falamos dunha das xoias do noso patrimonio natural, a Devesa de Rogueira», destacan ao respecto dunha peza que se pode escoitar e visualizar nas diferentes plataformas musicais.

Fotograma do videoclip «As Mouras»
Fotograma do videoclip «As Mouras»

O lanzamento deste tema vai acompañado dun videoclip filmado nas paraxes salvaxes e naturais do propio Caurel, no que destaca a interpretación das profesionais de danza contemporánea Ari Vázquez e Skío Carral. Neste último traballo, o trío formado pola marinense Laura Zeltia Acuña Barros, compositora da canción, Miguel Carballido Cernadas e Cibrán Seixo Pazos mestura folk acústico con texturas electrónicas suaves, creando unha atmosfera íntima con moita forza e sensibilidade.

Pola súa banda, a letra é unha reflexión «introspectiva sobre como o noso xeito de vida fainos non escoitar e pasar por alto a fraxilidade da paisaxe e a necesidade de protexelo», ao tempo que reivindica «a figura das mouras como as gardiáns dos bosques e como guías espirituais daquelas persoas que defenden a terra». En definitiva, está «pensada coma unha viaxe sonora polos bosques do Caurel onde semella que aínda habita a lenda».

Fotograma do videoclip «As Mouras»
Fotograma do videoclip «As Mouras»

Se canción foi gravada en Castrolandín no estudio de Cibrán Seixo Pazos, que ademais exerceu como produtor, o videoclip foi rodado na contorna da aldea de Vilamor, a Cova da Moura, a fervenza do Rexio e o Val das Mouras, entre outras localizacións, baixo a dirección de Bruno Pierucci (Bariloche, Arxentina), fundador de Blue Cherry e TVIP Studios con sede en Irlanda. O audiovisual transporta ao espectador a un espazo natural onde as mouras, interpretadas por Ari Vázquez e Skío Carral, son as protagonistas xunto coa cantante Zeltia Acuña para falar dun territorio onde a natureza, a memoria e o mito conviven.