O Edificio Castelao reunirá este venres a expertos de distintos puntos do territorio nacional
27 mar 2026 . Actualizado a las 07:56 h.Co título de Imaxes en Reserva: os Arquivos Fotográficos dos Museos, a Deputación de Pontevedra desenvolverá este venres no Edificio Castelao de Pontevedra unha xornada co obxectivo de «repensar o lugar da fotografía nas institucións museísticas e reivindicar o seu valor como parte esencial do patrimonio cultural que estas entidades preservan e transmiten».
Beatriz Sánchez Torija, responsable da fotografía histórica no Museo Nacional do Prado, será a encargada de inaugurar as sesións abordando o papel da fotografía nesta institución, así como do paso de documento de arquivo a peza de colección. A continuación, intervirán Carolina Miguel Arroyo, directora do Museo Nacional do Romanticismo, Carolina Pelaz Soto, da fototeca do Muséu del Pueblu d’Asturies, e Belén Sáenz-Chas Díaz, do Museo do Pobo Galego, que pechará a sesión matinal abordando o proceso de conformación e desenvolvemento do arquivo fotográfico do museo.
Xa pola tarde, contarase coa presenza de María Pilar Núñez Sánchez, directora do Museo Etnolóxico de Ribadavia, así como das conservadoras do arquivo gráfico do Museo de Pontevedra. Así, Cristina Echave Durán fará un percorrido pola evolución do arquivo desde a súa xestación en 1927, mentres que Reis Camiña Castro analizará o fondo fotográfico do século XIX custodiado no Museo.