O Salón do Libro de Pontevedra acolle a entrega dos Premios Lazarillo e programa o concerto «Lembra Xabarín!»
PONTEVEDRA
O recinto feiral será escenario dunha das estreas desta edición, A revolución estrafalaria, de Cris de Caldas e Miguel Froján
19 mar 2026 . Actualizado a las 18:50 h.Por segundo ano consecutivo, o Salón do Libro de Pontevedra será escenario este venres da entrega dos Premios Lazarillo 2025 da OEPLI (Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil). Previamente, ás 11.30 horas, A Cova dos Libros Fantásticos acollerá a actividade DIVERcontos Contos pola diversidade de Amencer-ASPACE, ao tempo que se desenvolverá unha nova visita guiada. Acto seguido, ás 12.30 horas, sesión de contos, Contando e soando, con Raquel Méndez, de OQO editora.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas, obradoiro creativo de Ana Seoane, Libra de libros libres, mentres que en dúas sesións (17.15 e 18.30 h.) Soledad Felloza levará os seus contos para bebés Cabaliño Hop. E ás 17.30 horas, sesión de contos e teatro de sombras, Ganapán e Garabato, a cargo de Pepa a Loba Editora e coa presenza de Chus Álvarez.
Ás 18.00 horas, unha das estreas desta edición, A revolución estrafalaria, de Cris de Caldas e Miguel Froján, que antecederá ao obradoiro para público adulto Escola de lectura para familias curiosas. Para contar, cantar e non parar, de Pavís Pavós e Raquel Méndez (OQO editora). A música estará presente co concerto Lembra Xabarín! (19.00 h.).
Aínda que a presentación de Arte menor por Susana S. Arins e Su Garrido Pombo pechará as actividades no recinto feiral, outras dúas citas desenvolveranse no exterior. Así, ás 17.30 horas, terá lugar o roteiro Trala pista de Manuel Quiroga e, dende as 19.30 horas, Montse Rivera dirixirá un obradoiro de baile tradicional no Mercado.