Borxa Guerrero: «É unha historia que ten que ver con esa preocupación polo exceso de turistas e as consecuencias que pode chegar a traer iso»
PONTEVEDRA
A editorial pontevedresa OQO acaba de editar «A xirafa Oriana»
07 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Borxa Guerrero, nas ilustracións, e Sabela Gil, no texto, asinan A xirafa Oriana a máis recente publicación da editorial pontevedresa OQO. Apoiándose en animais antropomórficos, o álbum aborda en verso unha temática de actualidade, toda vez que «é unha historia que ten que ver co exceso, por esa preocupación polo exceso de turistas e as consecuencias que pode chegar a traer iso. Neste caso, a xirafa vese na obriga de marchar do seu hábitat, da súa casa, do seu fogar, un pouco porque os castores, que son turistas, chegan e arrasan con todo», sinala Guerrero en relación a un dos obxectivos desta obra que é constituírse, segundo engaden dende a editorial, nunha «ferramenta para que os primeiros lectores poidan achegarse a realidades que descoñecen e empatizar cos personaxes, entendendo as dificultades ás que se enfrontan aquelas persoas que teñen que fuxir da súa terra e buscar un novo fogar: un lugar seguro onde vivir en paz».
—A mensaxe de «A xirafa Oriana» non podía estar máis acaído, non si?
—Un pouco de actualidade creo que si que está. Sobre todo, que é un tema moi candente hoxe en día. Todo o mundo está con esa preocupación de que si hai demasiados turistas nas súas cidades.
—Que foi o máis complexo dun traballo coma este?
—Eu creo que o máis complicado é chegar a unha conclusión de como abarcar o proxecto. A forma de dicilo máis sinxela, é encontrar o formato no que ti queres expresar esa historia.
—E de novo, OQO volve xogar cos seus lectores coas sobrecubertas?
—Si. Nesta ocasión ven cun plus, que é un videotutorial —accédese a través dun código QR, mentres que un segundo permite imprimir novas maquetas— para amosar as posibilidades do que se pode facer coas sobrecubertas, que en realidade son para que os nenos poidan abrilas e pintar nelas... Neste caso, non é só colorear, senón que eles poden facer as súas propias creacións de xirafas.
—Que poderán facer?
—A xirafa ven sen vestir, polo que podemos facerlle un vestido ou un pantalón, ou podemos poñerlle a roupa que queiramos. É xogar a vestila e a darlle a nosa propia imaxe ou a que nós quereríamos que tivese Oriana.