A exhibición completarase cun coloquio coa directora viguesa e a produtora Silvia Fuentes
04 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.No marco da quince Máster Class Audiovisual Galego Augal, que promove a Facultade de Comunicación de Pontevedra co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación, dedicarase a sesión deste mércores ao filme As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns.
Deste xeito, a exhibición desta película na propia facultade (16.00 horas) verase complementada cun coloquio no que está prevista a intervención da directora viguesa e da produtora Silvia Fuentes.
Estreada en cines a finais do pasado febreiro, o segundo filme de Anxos Fazáns chegouse a situar como a terceira produción española máis vista na carteleira galega, por diante de Los domingos, de Alauda Ruiz de Azúa, ou Tres adioses, de Isabel Coixet.
Este drama intimista rodado integramente en galego e protagonizado por Mara Sánchez, no que supuxo o seu retorno mundo actoral tras uns anos apartada, e Adam Prieto, no seu primeiro papel na interpretación, é finalista en once categorías dos Premios Mestre Mateo: dirección, longametraxe, guión, dirección de fotografía, dirección de produción, interpretación feminina e masculina protagonista, maquillaxe e perruquería, montaxe, música orixinal e son.
A propia Anxos Fazáns destacou que «As liñas descontinuas é unha película sobre a tenrura, sobre a beleza que aparece cando permitimos que as persoas que nos rodean nos atravesen. Nesta película un mozo trans e unha muller de máis de 50 anos crean un espazo no que compartir os seus medos e desexos», precisou sinalando que se trata dunha «historia inspirada por unha noticia real lida nun xornal».
Deste xeito, e con ese punto de partida, imaxinou «uns personaxes e un universo propio. Esta película é unha canción de amor. Un conto. Un breve encontro», apuntou.
Fazán incidiu que no seu cinema lle gusta «poñer ás persoas no centro, tento falar da construción de relacións sas, da ruptura de estereotipos e de formas de vida alternativas e sostibles. Con este filme abro espazo para temas poucas veces retratados en pantalla como son o desexo, a soidade, a autoestima e a transformación persoal dunha muller de mediana idade e dun mozo trans», engadiu.
En todo caso, deixou claro que, aínda que a orixe en unha nova periodística, o filme «non é unha historia real lida nun xornal, non é a historia da miña nai, nin a do meu amante ou mellor amigo. Pero está inspirada por todos eles».