Afundación acolle a representación de «Máis Saaabor!» para escolares
04 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Teatro para escolares e arte con perspectiva de xénero copan a programación cultural desta xornada de mércores.
Teatro
Hoxe • 10.00 e 12.00 horas • Afundación • Nova proposta escénica dentro da programación de actividades para escolares cunha dobre función de Máis Saaabor!, de Culturactiva Produccións, que está dirixida a público de 3º e 4º de Educación Primaria. Esta será a terceira e derradeira sesión dunha proposta cultural á que se espera asistan preto de 2.700 estudantes procedentes de 50 centros educativos de Pontevedra e a súa contorna. Dende Afundación destacaron que «tras o éxito da obra Saaabor!, gañadora do Premio do Público no Festiclown 2018, chega o espectáculo Máis Saaabor!, co que amosan o mundo da gastronomía e da alimentación saudable nunha proposta escénica que mestura música en directo, maxia, humor e moito ritmo», engadiron. Deste xeito, dous recoñecidos chefs ofreceran «un saboroso, equilibrado e, sobre todo, ben afinado menú, nunha visita cómica ao mundo dos fogóns para promover o achegamento á cociña, a alimentación saudable e o consumo de produtos de proximidade».
Exposición
Hoxe • 19.30 horas • Museo Manuel Torres e Ateneo Santa Cecilia • Dende este martes e ata o vindeiro 27 de marzo pódese visitar nestes dous espazos de Marín unha nova edición da exposición Voilà la femme. De feito, a gran novidade deste ano, é que o acto de apertura será de carácter dual: comezará na sede do Ateneo Santa Cecilia para logo trasladarse ao Museo Municipal Manuel Torres. Este proxecto chega á súa edición número 33 baixo o comisariado de Celeste Garrido Meira e a coordinación de Abril Iglesias Garrido co feito de estreitar a «colaboración co Museo Manuel Torres, o que fixo posible acoller a un total de 17 artistas, superando as cinco participantes do ano anterior. A mostra continúa coa súa misión de dar visibilidade a mulleres artistas, maioritariamente recén graduadas e vinculadas a Galicia, que acceden a través dunha convocatoria pública moi atendida polo alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra». Así, as creadoras que participan nesta edición son: Jimena Arenas Costas, Susana Beatriz de Castro Teixeira, Rolina Ferru, Mencía González Fana, Sara González González, Martina Migliarini da Costa, Carlota Montes López, Laura Paz Iglesias, Xoana Penas Portabales, María Paulina Petz García, Alejandra Pardo Martínez, Alba Pino Gregores e Taro, Mariña Rey Noya, Ise Rodríguez, Aldara Rodríguez Pena e Yanina Angela Sgro.
Literatura
12 de marzo • 17.30 horas • O edil de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, acompañado de María Fernández González, directora da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, e de Elma Barreiro Abad, secretaria da EOI e membro do EDLG, presentou a vindeira edición do Certame de Microrrelato en Galego que se desenvolverá de xeito presencial nas de dependencias de EOI de Pontevedra, Lalín e IES Valle Inclán. Elma Barreiro precisou que está dirixido a persoas maiores de 14 anos, alumnas ou non da EOI, e do que xa se poden consultar as bases: «Serán coma sempre tres palabras como punto de partida e 110 minutos, con 150 palabras de extensión máxima. Ao longo da semana iremos descubrindo que persoas escolleron as palabras desta edición. Persoas de ámbitos moi distintos co amor pola lingua como fío común. Cada dous anos, recompilamos nunha publicación os relatos gañadores».