Pontevedra conmemora o nacemento de Rosalía, a poeta galega máis universal
PONTEVEDRA
A Diputación anunció una nova edición do concurso «Canta Rosalía!»
24 feb 2026 . Actualizado a las 19:40 h.Con sendas lecturas de textos de Rosalía de Castro conmemoraron este luns, 23 de febreiro, a Deputación e o Concello de Pontevedra o día adicado á autora galega máis universal.
O Pazo Provincial foi o máis madrugador ao acoller un acto no que, ademais de ter como protagonista á autora de Negra sombra, pivotou en torno aos nenos do CEIP A Carballeira, que gañou a última edición do certame Canta Rosalía!. De feito, os escolares leron poemas que, segundo explicou un deles, «seguen a estela de Rosalía, pero adaptados á nosa contorna», mentres que o deputado Jorge Cubela e o director deste centro educativo, Miguel Roibás, leron composicións de Follas novas.
Se o acto arrancou coa benvida do presidente provincial Luis López, que presentou unha nova edición do Canta Rosalía!, este rematou coa actuación de Migallas Teatro e o seu espectáculo Brincadeiras da lingua.
Xa pola tarde, e na sede da Fundación Manuel Moldes, tivo lugar unha lectura de Follas novas e Cantares gallegos, obras coa que a poeta nada en Santiago «inaugurou a literatura galega contemporánea» demostrando que «a lingua galega era válida para escribir sobre calquera tema, en prosa e máis en verso e facelo desde a perspectiva da voz das mulleres», enfatizou no seu día o concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez. Foi un acto no que estaba prevista a intervención, entre outros, da escritora Alicia Fernández Rodríguez, quen ía exercer de mantedora, ao tempo, que lería o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que redactou Eva Veiga a partir do lema escollido pola RAG: Mais eles tamén perdidos, verso de Follas novas e que, en palabras do edil pontevedrés, é un texto «espectacular a partir destes versos de Rosalía, explicando a situación do mundo actual para que vexamos como Rosalía está de completa actualidade».
Nesta acto, ambientado por Altar, participou tamén o CMUS Manuel Quiroga, que «leva feito traballo espectacular de recuperación de música galega de cámara do século XIX, música contemporánea», engadiu Gómez.
Pola súa banda, na Casa das Campás e impulsada pola Vicerreitoría do Pontevedra desenvolveuse unha conferencia, A vixencia do mundo poético rosaliano, coa que Francisco Rodríguez Sánchez, político, profesor e crítico literario galego, afondou «na riqueza temática, estética e sociocultural da obra» desta escritora universal, ao tempo que analizou «a súa influencia e presenza no pensamento e na creación literaria contemporánea».
O Día de Rosalía tamén foi celebrado noutros puntos da contorna de Pontevedra. Así, Bueu se sumou á conmemoración desta efeméride cun contacontos infantil, Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos..., co que Caxoto propuxo un «percorrido pola traxectoria vital e literaria de Rosalía, conectando o seu legado coa obra das poetas galegas que escriben na actualidade, e coa narración oral como eixe central». Esta proposta cultural terá continuidade o xoves coa presentación do poemario Réquiem, co que Eugénio Outeiro Lojo gañou a viente e oito edición do Premio Johan Carballeira.
Poio
E na outra marxe da ría de Pontevedra, en Poio, desenvolveuse un acto que o alcalde Ángel Moldes e as concelleiras Natalia Sabarís e Natividad Torres compartiron cos alumnos de Saudemente Samieira, evento que tivo como punto forte a lectura colectiva do poema Adiós ríos, adiós fontes. «Foi un momento para compartir palabra, memoria e sentimentos arredor dunha das voces máis importantes da nosa literatura», destacaron dende o goberno local precisando que a gaita de Vides Novas puxo o contrapunto final.