Tamara Andrés, escritora: «Se Matilde Llòria fose un home, estou segura de que saberíamos quen era»
PONTEVEDRA
A autora de Combarro presentou «Eu son de aquí e de alá» este xoves na libraría Paz
20 feb 2026 . Actualizado a las 15:34 h.Aínda que, como ela mesma apunta, «a primeira publicación que fixen, cando era moi noviña, era unha especie de noveliña curta e tamén fixera algo hai uns anos cando o Diario de Pontevedra sacara unha colección de narrativa», Tamara Andrés (Combarro, Poio, 1992) recoñece que Eu son de aquí e de alá (Ed. Galaxia) «é primeira vez que conscientemente fago unha proposta, diría eu, sólida» no ámbito da narrativa. «Coquetear xa coqueteara con este xénero», apunta horas antes de presentar este xoves a obra na libraría Paz de Pontevedra.
—En todo caso, é unha narrativa moi próxima á poesía.
—Si, está moi vinculada coa poesía e coa investigación, que penso que tamén ten moito que ver neste libro. Eu estou na universidade, teño unha traxectoria como investigadora, e creo que isto é un híbrido, unha proposta híbrida. Bebe moito da poesía e bebe moito da investigación.
—Para a xente que descoñece esta faceta, que lle podería comentar desta obra?
—Pois que é un froito que xorde da miña necesidade, da miña curiosidade de saber quen era Matilde Llòria, unha poeta que viviu en Valencia, estivo mais vinculada a ese territorio aínda que naceu en Albacete, e que eu, de súpeito, descubrín que vivira en Galicia, en Ourense, e que tiña libros publicados en galego. É dicir, unha muller que escribiu en galego, en valenciano e en castelán. De repente, necesitei saber por que non a coñecía ou por que nin sequera me soaba ese nome como poeta galega que é. Empecei a investigar quen era ela e de aí saíu o libro. O libro saíu dun proceso de investigación sobre quen foi esta muller e sobre por que eu, que se supón que estou na literatura galega, que investigo a literatura galega, non sabía, nin sequera me soaba ese nome.
—Neste proceso de investigación, cal foi a maior sorpresa?
—A medida que ía investigando, ían aparecendo como pequenos motores que seguían activando a miña curiosidade. A maior sorpresa que levei era que podía acceder á moita información sobre ela en Galicia, sobre a súa vida en Galicia, pero non tiña ningún tipo de xeito de acceder ao que pasara en Valencia, por que ela viñera para aquí, que pasara polo medio... Estamos falando do século XX, está a Guerra Civil polo medio. Ten moito que ver con toda a represión franquista, con toda a represión sobre o bando republicano, porque o seu marido era médico que axudaba a ese bando... Sorpresas son moitas, pero como que toda a súa vida xira arredor da represión, da guerra e como esa represión tronzou a súa identidade.
—É un exemplo de artista, muller, invisibilizada pola sociedade e polo contexto da época?
—Si, desde logo. De feito, un pensamento recorrente durante este proceso de investigación era que se Matilde fose un home, estou segurísima de que saberíamos quen era, a súa obra estaría accesible, polo menos, a súa obra en galego. Entón, en parte, tamén xorde dese pensamento e desa inxustiza.
—Imaxino que non abandona a poesía, que a poesía seguirá sendo parte da súa traxetoria vital e artística?
—Home, si, claro. Unha non deixa de ser, ao fin e ao cabo, unha poeta. Non vou abandonar a poesía, nin como escritora, nin tampouco como pensadora, como investigadora sobre a poesía e sobre as poetas, en especifico, que é por onde desenvolvo un poquiño a miña línea de investigación.