Hadrián Jamardo, de O Garaxe Hermético a ser recoñecido como talento emerxente

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Hadrián Jamardo, no centro da imaxe
Hadrián Jamardo, no centro da imaxe Vanesa Escariz (Miraveo)

Natural de Caldas de Reis, recibiu a «Bolsa Ensaia» que lle permitirá continuar co seu proxecto de BN titulado «No cine»

11 mar 2026 . Actualizado a las 15:02 h.

Como recolle a súa páxina web, a Bolsa Ensaia «non é un premio nin un concurso», senón que o seu propósito «é apoiar a persoas que buscan facer unha traxectoria que impacta positivamente en Galicia». Deste xeito, cada ano, «a comunidade de persoas —denominadas pingas— doan voluntaria, anónima e independentemente cartos para facer posible» esta iniciativa que xa alcanzou as cinco edicións e que outorga unha bolsa de 10.000 euros para impulsar a traxectoria dunha persoa que impacta en Galicia. En total, máis de 250 persoas doan anualmente 60 euros que se destinan «integramente a evitar a fuga do talento xuvenil de Galicia».

Nunha recente gala desvelouse que o destinatario deste proxecto non foi outro que Hadrián Jamardo (Caldas de Reis, 1997), antigo alumno de O Garaxe Hermético de Pontevedra. De feito, o equipo de mestres deste centro formativo recoñeceron, a través de Kiko da Silva, estar «moi orgullosos do noso exalumno do Curso Profesional de Banda Deseñada», ao tempo que se congratularon de que esta cantidade permitiralle a Hadrián Jamardo continuar a desenvolver un proxecto de cómic que comezou no se último ano de estadía en O Garaxe Hermético e que se titula No cine.

Hadrián Jamardo, no centro da imaxe
Hadrián Jamardo, no centro da imaxe Vanesa Escariz (Miraveo)

Esta banda deseñada foi recoñecida co premio de fin de curso 2024 nesta escola profesional de cómic e ilustración, a primeira que se constituíu en Galicia, galardón que Hadrián Jamardo compartiu entón ex aequo con Alba Chan, que firmou Té de Lavanda. Dáse a circunstancia de que, un ano antes, ambos lograrán sendas Plumas de Ouro, ano, o 2023, no que o artista de Caldas de Reis, ademais, resultou finalista nos Premios Curuxa Nova que outorga o Museo do Humor Xaquín Marín de Fene.

Con No cine, Jamardo «explora a necesidade humana de evasión a través da arte, contrapoñendo a aceleración social urbana coa vida analóxica do noso rural», destacou Kiko da Silva, quen se mostrou convencido de que «por cousas como esta —o recoñecemento coa Bolsa Ensaia— mereceu a pena montar O Garaxe Hermético (...) hai catorce 14 anos».

Proxectos de BD

«Con moita emoción e ilusión. Foi unha gala moi guai. Sigo un pouco nunha nube dende entón. Era a terceira vez que me presentaba», recoñecía este luns Hadrián Jamardo, quen destacou que «grazas a isto poderei dedicarlle ben de tempo a un proxecto que lle tiña moitas ganas e, sobre todo, poderei facelo dende aquí, sen preocuparme tanto por onde vendelo e demais. É un privilexio», engadiu. Neste sentido, precisou que tiña parado No cine dende que deixou O Garaxe Hermético: «Agora parece que por fin vai poder saír adiante con calma e ben pensadiño».

Vanesa Escariz (Miraveo)

Non é o único proxecto que ten en marcha, toda vez que neste 2026, «se todo vai ben, debería saír o meu primeiro proxecto máis longo, Tixoliño, un cómic máis xuvenil», así como participa no novo volume do recopilatorio Vinyetaria da barcelonesa Editorial Finestres cunha «pequena historia sobre a vivenda que fixen hai algún tempo e que gañou algunha cousiña».

Hadrián Jamardo ten claro que o seu paso por O Garaxe Hermético lle supuxo «a oportunidade de poder formarme nun campo que, a priori, eu pensaba que era sempre autodidacta». Así, ademais de comprobar que «había un camiño con persoas profesionais que te podían axudar», este autor recoñece que «o que máis estou agradecendo a posteriori é todo o tema da formación en tema de dereitos de autor, en tema de contratos editoriais, que é algo que, ao principio, sempre se peca moito de descoñecemento».

Intervención de Hadrián Jamardo
Intervención de Hadrián Jamardo Vanesa Escariz (Miraveo)

Neste punto, confesa que esta formación permítelle que, «a pesar de levar moi pouquiño intentado dedicarme a isto, xa teño unha base que me axuda moito e que me permite ter unha guía de cara onde ir, de cousas a aceptar, de cousas que me corresponderían por dereitos de autor, cousas que moitas veces, ao principio, non se valoran tanto porque vas coa ilusión de estar empezando. Creo que nese punto é onde máis me marcou, xunto con todo o que aprendín de debuxar e de escribir».