A antiga casa consistorial de Portas levará o nome da primeira alcaldesa do concello e de Galicia, Concepción Pérez Iglesias

Alfredo López Penide
L. Penide PORTAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

Deputacion Pontevedra

«A Deputación e o Concello estamos a resituar a figura de Dona Concha para poñela no lugar onde merece, mestra querida, e figura pioneira na política e na igualdade», destacou Luis López

03 feb 2026 . Actualizado a las 09:39 h.

Cun investimento de máis de 230.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra, este luns inaugurouse a rehabilitación da antiga casa consistorial de Portas . «É moi gratificante para un servidor público ver como os proxectos pasan do papel ao terreo. Feitos que demostran que cando á fronte de concellos como o de Portas hai un equipo serio e un alcalde que é exemplo de traballo e liderado, as obras acaban facéndose realidade en tempo e forma», destacou o presidente provincial Luis López en relación a uns traballos que se financiaron ao abeiro do PON2030 (176.500 euros) e da anualidade do 2024 do +Provincia (54.500 euros).

Con esta inauguración, ademais, buscouse render unha homenaxe a unha figura histórica deste concello pontevedrés e, por extensión, do municipalismo de Galicia, xa que o inmoble leva o nome de Concepción Pérez Iglesias, coñecida como Dona Concha, a primeira alcaldesa da historia de Portas e de Galicia. Neste eido, o mandatario provincial deixou claro que «a Deputación e o Concello estamos a resituar a figura de Dona Concha para poñela no lugar onde merece, mestra querida, e figura pioneira na política e na igualdade».

Deputacion Pontevedra

No que respecta aos traballos levados a cabo, a intervención centrouse na rehabilitación deste antigo inmoble para convertelo nun edificio eficiente no ámbito enerxético, cunha nova cuberta, novas portas e ventás e con calefacción e ventilación para afrontar as temperaturas baixas ou altas. «Foi un proxecto complexo e valorado en máis de 230.000 euros, financiado ao 100 % pola Deputación», subliñou Luis López, que estivo acompañado polo alcalde e deputado provincial Ricardo Martínez.

En todo caso, a colaboración da Deputación co Concello non se limita unicamente a esta obra, posto que entre os proxectos que están en marcha por parte de ambas administracións encóntrase a rehabilitación dun edificio para a instalar a escola de música ou a mellora da EP-8101 entre Portas e Romai.