A centenaria Coral Polifónica de Pontevedra recibe o Premio Otero Pedrayo: «Segue a ser un potente motor cultural»
PONTEVEDRA
O conselleiro calificou a distinción como «brillante alfinete» ao Ano Castelao
12 dic 2025 . Actualizado a las 12:18 h.O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, foi o encargado de entregar este xoves o Premio Otero Pedrayo á Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra en recoñecemento á contribución desta entidade á protección e difusión da cultura e da música tradicional da provincia e de Galicia. Trátase, segundo destacou, dunha «entidade que cumpre cen anos sendo un axente imprescindible para a cultura desta cidade, desta provincia e de Galicia, unha entidade que é un emblema da nosa sociedade, pois tivo nas súas filas a figuras como Castelao, membro fundador e un dos presidentes da Coral, ou a Filgueira Valverde, xa recoñecido con este premio, e está intimamente relacionada co Museo provincial, e unha entidade que despois de cen anos de actividade segue a ser un potente motor cultural e unha referencia para a música tradicional da provincia e de Galicia».
Nesta cerimonia a Coral Polifónica estivo representada polo seu presidente, Carlos Valle, mais pola súa directora, Ninnette Sánchez, e polos seus membros, que deleitaron aos asistentes coa interpretación de tres pezas para pechar o acto. Pola súa banda, a directora do Museo, Ángeles Tilve, pronunciou unha loa á esta entidade, mentres que Valle foi o encargado de expresar o agradecemento do colectivo.
Pechou o acto o conselleiro de Cultura, José López Campos, quen calificou como «brillante alfinete» ao Ano Castelao a entrega desta distinción á Coral Polifónica. Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, resaltou que este galardón é unha das «distincións culturais máis prestixiosas de Galicia», polo que entendeu «totalmente atinado» que recaese neste colectivo «como o colofón máis especial á celebración do seu centenario».
«Premiar á Coral Polifónica de Pontevedra é premiar a cerna dun século da nosa historia e da nosa identidade cultural, na que avanzamos e prosperamos sen renunciar as nosas raíces como sinal do que somos como pobo», concluíu López Campos.
Esta distinción súmase a Medalla de Ouro Marcial del Adalidd concedida hai uns meses pola Real Academia Galega de Belas Artes.