O Ciclo Mestre Mateo leva os finalistas aos premios de mellor longametraxe e documental aos concellos de Marín, Salvaterra, Modariz e Vilanova
PONTEVEDRA
A cuarta edición do Ciclo Mestre Mateo, iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, posibilitará que catro concellos da provincia —Marín, Mondariz, Salvaterra do Miño e Vilanova de Arousa— gocen da proxección das producións finalistas nas categorías de longametraxe e documental dos XXIII Premios Mestre Mateo. Este programa, segundo remarcou o deputado Jorge Cubela, permite contribuír a «diversificar e vertebrar a oferta cultural da nosa provincia, que é un dos obxectivos do noso goberno», ao tempo que axuda a «promover a nosa industria audiovisual».
Entre maio e decembro, cada un destes concellos acollerá oito proxeccións, catro títulos de ficción —As Neves, de Sonia Méndez, +Cuñados, de Luis Avilés, Honeymoon, de Enrique Otero, e Xustiza artificial, de Simón Casal de Miguel— e outros tantos filmes documentais —Prefiro condenarme, de Margarida Ledo, Aurora, de Area Erina, Salvaxe, salvaxe, de Emilio Fonseca, e Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño—.
«A desaparición dunha sala de cinema sempre é unha traxedia e o ciclo contribúe a reverter este proceso achegando o cinema en pantalla grande a núcleos que non contaban con ela», destacou Milo Baños, vogal da Academia Galega do Audiovisual.