O Museo de Pontevedra programa un concerto e un obradoiro arredor da tradición oral feminina polo Día das Letras Galegas

PONTEVEDRA

O Museo de Pontevedra ten previsto celebrar o Día das Letras Galegas cun obradoiro e un concerto didáctico arredor da tradición oral feminina, que estará conducido por Branca Villares. A cita é este venres, 16 de maio, no Edificio Castelao estando dirixido a persoas de todas as idades sen necesidade de reserva previa.
Dende a Deputación de Pontevedra recordaron que o Día das Letras Galegas está adicado este ano á poesía popular oral e ás cantareiras que a mantiveron viva ao longo do tempo. Isto determinou que se optase por desenvolver a actividade Por que cantan as mulleres?, que «trata de debullar por que cantamos, que cantamos e como cantamos as persoas, para entender os contextos onde tivo lugar a creación e transmisión oral das mulleres cantareiras».
De igual xeito, precisaron que tanto o obradoiro como o concerto didáctico desenvolverase «con perspectiva de xénero e reflexionarase sobre a presenza ou ausencia de mulleres naquilo que consideramos universal no canon cultural». Así, «farase un percorrido polos distintos xéneros e temáticas das cantigas, pola xeografía de Galicia e as particularidades da súa oralidade».
Con este trasfondo, ademais de gozar do relato de Branca Villares e das cantigas, os participantes terán ocasión de cantar e dialogar cos sons e ritmos, «nunha experiencia inmersiva e significativa para traballar e entender a oralidade». Neste eido, dende a Deputación precisaron que «os rexistros históricos e as nocións que temos sobre o noso presente, o pasado próximo e o afastado serán obxecto de reflexión», así como «se establecerán conexións do noso folclore con outros de África, Europa ou América».