Pontevedra exhibe o músculo cultural galego co arranque do Culturgal

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Ao longo da fin de semana están programadas duascentas actividades

30 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A gran cita da cultura galega, o Culturgal, arrancou o seu roteiro este venres. Por diante, tres días nos que se programaron preto de duascentas actividades vinculadas todas elas cos distintos ámbitos artísticos e a súa industria, dende a danza ao cine, dende a música ás artes pásticas, dende o circo á literatura, dende o teatro á televisión e as novas tecnoloxías...

Neste eido, o conselleiro de Cultura, José López Campos, reafirmou o compromiso da Xunta co impulso á produción cultural galega e en galego, así como co Culturgal, do que continúa a ser a principal entidade patrocinadora. Así, non só puxo en valor o papel da industria creativa galega e dos seus profesionais na difusión da cultura e da lingua, senón que destacou o feito de que sector dá emprego a 36.800 persoas en Galicia, mantendo así unha tendencia de estabilidade, algo que tamén se reflicte no número de empresas, con 135 novas firmas rexistradas en 2023.

«Desde a Xunta de Galicia, en estreita colaboración cos principais colectivos sectoriais do sector, estamos a centrar os esforzos no mantemento deste camiño de consolidación e crecemento nas industrias culturais», incidiu antes de manter un coloquio cos mozos gañadores das categoría de Novela, Poesía e Banda Deseñada do certame Xuventude Crea.

A aposta da Xunta polo Culturgal reflíctese no feito de que, ademais do apoio económico para organizar esta feira, contribúe á programación cunha vintena de accións durante a fin de semana.

Como una «simbiose duradeira e efectiva», pola súa banda, definiu o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores a relación do Culturgal con Pontevedra. De feito, a cidade será ata o domingo «epicentro e escaparate de todo o universo cultural galego».

Tras incidir que Pontevedra é unha cidade que «promove e abraza á cultura», Fernández Lores destacou que esta cita é un escaparate onde descubrir as novidades que oferta a industria cultural galega nas súas distintas vertentes.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, defendeu a cultura como «peza clave para converter a Pontevedra nun territorio singular e único no mundo (...). Estamos nunha cidade, a capital da provincia, que desborda creatividade polos catro costados, vivimos nunha provincia cunha oferta cultural tan singular como atractiva e convivimos cunha xente única, cun talento só á altura das súas inquedanzas, que fan realidade proxectos tan intelixentes, interesantes e necesarios como este Culturgal».

De igual xeito, reiterou o seu compromiso de «escoitar aos profesionais, entender cales son as súas preocupacións e atender as súas demandas. Esa é a meta que perseguimos cando recuperamos despois de moitos anos a Bienal de Arte, cando espallamos a cultura galega por todos os recunchos da provincia programando actuacións musicais, teatrais ou de danza, cando incrementamos a nosa aposta polo coidado e o fomento da lingua, e tamén cando reforzamos a nosa presenza e colaboración con esta Feira das Culturas Galegas».

Entre as moitas actividades desenvolvidas nesta primeira xornada do Culturgal, unha das que máis afluencia de público sumou foi o arranque da xira de despedida do espectáculo de A nena e o grilo, o camiño das cores, de Magín Blanco e Ghazafellos, ao que asistiron case que 450 alumnas e alumnos de distintos centros educativos da contorna de Pontevedra. A obra gozará dunha nova función no Pazo da Cultura o vindeiro domingo.

Do trinta aniversario do Bravú aos quince anos de I-Radia ou os dez de PuntoGal

Cando resta un ano para que o Culturgal alcance a maioría de idade, distintos aniversarios capitalizan a programación desta edición. Así, sen ir moi lonxe, este venres a xornada se pechou no auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra coa Sesión Bravú, cita na que se proxectou o documental Bravú XXX, que conmemora os trinta anos do nacemento deste movemento, e o concerto da Banda Xangai, de Xurxo Souto, e as pontevedresas Rager.

Mais tamén é o quince aniversario de I-Radia Crea, unha das promotoras máis dinámicas do momento que regresa á feira das culturas galegas cun triplo obxectivo, en palabras de Carlos Montilla Cortizo. Por unha banda, «xerar diálogo» tanto co sector como co público nunha sorte «de volta ao punto de partida do 2010», así como, por outra, dar visibilidade ás persoas que están detrás deste proxecto.

E, xa por último, poñer «o noso grao de area para facer crecer a feira» e, deste xeito, «reforzar o músculo do sector cultural galego».

Neste sentido, Montilla Cortizo considera que, no caso concreto de I-Radia Crea, o Culturgal ten que servir de espazo de reflexión para, xa non só recapitular nos proxectos acometidos ao longo destes tres lustros, senón determinar «cara onde vamos». A este respecto, aludiu as distintas iniciativas postas en marcha en ámbitos tan dispares como a música —caso das Matinés ou dos festivais englobados baixo a marca de Festivales Territorio, isto é, Ribeira Sacra, Esférica Rioja Alavesa, Tierra Bobal Fest e Canari— ou o educativo.

E como non hai dous sen tres. O Culturgal é o espazo elixido por PuntoGal, entidade que xestiona o dominio identificador de Galicia na rede, para conmemorar os seus dez anos de existencia. Neste tempo acadou os case 7.300 rexistros activos cunha taxa de renovación superior ao 90% e «centos de miles de correos electrónicos que levan a etiqueta do noso carné de identidade no ciberespazo», destacou o seu presidente Manuel González.

Ramón Leiro

Reafirmou, neste sentido, a vocación de PuntoGal de ser «un motor e un exemplo da Galicia creativa, da Galicia emprendedora, da Galicia que mira para o futuro, da Galicia non vitimista, porque o vitimismo é case sempre un freo para o desenvolvemento» sendo conscientes de que «a verdadeira tradición é manter aceso o lume da nosa identidade», concluíu.

Da «Ultranoite Cultureta» ao concerto de Caamaño & Ameixeiras

O Culturgal abrirá as súas portas, de novo, este sábado no Pazo da Cultura de Pontevedra cunha ampla oferta de actividades vinculadas a diferentes eidos culturais.

Así, no Escenario Infantil, programouse A Fantochoteca, así como se presentará a vindeira edición do Salón do Libro Infantil de Pontevedra ou presentarase A raposa muiñeira, de Clara do Roxo e a ilustradora Francesca d'a Silva, e A fraga das avoas invisíbeis, de Claudia Castro e a ilustradora Yolanda López.

Pola súa banda, o Escenario A acollerá dende presentacións literarias, caso do sexto premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, Cartas na oscuridade, de Lois Pérez, ou un obradoiro de maxia baixo o título de Quen quere ser mago? E no Escenario B desenvolverase dende unha mesa redonda centrada na literatura infantil e xuvenil ata unha conversa coas autoras gañadoras dos Premios Xerais 2024: Marta Villar, Raquel Fernández Fernández e Abel Tomé.

No ámbito musical están programadas as actuacións de Olga Novo e Su Garrido, así como a Festa Punto Gal que confirmou as actuacións, por un lado, de Pava e, por outro, de Caamaño & Ameixeiras, mentres que no cinematográfico proxectaranse as películas Os espazos en branco, Aurora e As Neves. A xornada rematará coas posta en escena no auditorio do Pazo da Cultura de Ultranoite Cultureta, unha proposta de Chévere que o director do Culturgal, Camilo Franco, espera que sexa «será un campanazo. O sector ten que rirse de si mesmo».