Culturgal aspira a atopar «novos públicos para a Cultura Galega»

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Presentación de Culturgal 2024, este xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra
Presentación de Culturgal 2024, este xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra ADRIÁN BAÚLDE

O Pazo acollerá máis de 200 citas do 29 de novembro ao 1 de decembro

08 nov 2024 . Actualizado a las 08:56 h.

Pontevedra acollerá do 29 de novembro ao 1 de decembro unha nova edición do feira das industrias culturais de Galicia, Culturgal. «Queremos profundizar na mesma idea que o ano pasado, que o Culturgal sexa o mellor escaparate posible para que todas as manifestacións da cultura galega atopen novos públicos», asegurou o seu director, Camilo Franco, no acto de presentación oficial da feira.

Este tivo lugar no Pazo da Cultura, e xunto có director participaron Víctor López, presidente do Culturgal; Manuel González, presidente de PuntoGal; Jacobo Sutil, director do Agadic; Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, e Anabel Gulías, concelleira de Igualdade do Concello de Pontevedra.

Todas as correntes da cultura galega, as xa asentadas e as novas, terán cabida no Culturgal, en moitas actividades mesturando xéneros como a literatura, as artes escénicas, a música, o audiovisual, os videoxogos ou a maxia.

Víctor López amosou a súa confianza en que «a deste ano será unha gran edición, tres días para compartir con creadores, artistas e empresas que se adican á cultura», e Jacobo Sutil falou «do peso que terá o sector audiovisual e do labor que fai o Culturgal para adiantarnos as próximas correntes da cultura galega».

Outra cita importante será o festival para celebrar o décimo aniversario do dominio PuntoGal. «Tiña que ser aquí, no Culturgal, cun evento participativo e plural no que contaremos con artistas como Lucia Aldao (Pava) e Caamaño & Ameixeiras», explicou Manuel González.

Anabel Gulías salientou que «para o Concello de Pontevedra, a cultura é unha cuestión estratéxica», mentres que Rafael Domínguez destacou que é «un factor identitario fundamental, que ademais provoca retorno económico para as cidades que acollen este tipo de eventos».

O programa completo, que se fará público nos próximos días, prevé a celebración no Pazo da Cultura de Pontevedra de 200 actividades, con 100 expositores e 500 artistas presentes. O Culturgal contará con seis espazos con seis escenarios, e unha das novidades deste ano é a creación dun espazo pechado para as artes escénicas e a ampliación do espazo de arte, que se puxo en marcha no 2023.

Buscase unha proposta cultural e de lecer para todas as idades que permita que as familias poidan pasar o día no Culturgal e participar en numerosas actividades.

Entre as actividades previstas no programa destaca a primeira Ultranoite Cultureta do grupo Chévere, feita de forma expresa para o Culturgal, ou a celebración dos 30 anos do bravú coa proxección dun documental e un concerto do grupo Xangai, liderado por Xurxo Souto, e o grupo local Rager.

Magín Blanco estreará no Culturgal un espectáculo que será o de despedida da serie A nena e o grilo, e estarán no Pazo da Cultura Manuel Rivas, recentemente nomeado Premio Nacional das Letras 2024, ou Olga Novo, Premio Nacional de Poesía no ano 2020.

As ventas de entradas e abonos comezaron xa e van a moi bo ritmo, según apuntaron desde a organización. Pódense adquirir en cultur.gal. Tres euros por anticipado a entrada dun día, 5 euros o bono para os tres días, abonos familiares e outros descontos.