A multipremiada «Estación Paraíso», no Teatro Principal de Pontevedra
PONTEVEDRA
Nova sesión dos Domingos do Principal con dobre función ás 12 e ás 18.30 horas no Teatro Principal de Pontevedra. Nesta ocasión programouse Estación Paraíso, da compañía andaluza La Maquiné. Trátase dunha peza que acadou, entre outros, o Premio Lorca 2023, ao mellor espectáculo para a infancia e familiar, o premio do público na Feria de Teatro de Castilla y León 2022, o Fetén 2023, á mellor interpretación feminina para Elisa Ramos, e un dobre premio Titirijai Tolosa 2023, ao espectáculo infantil e adulto, así como obtivo sendas candidaturas aos Max 2023.
Sobre o escenario, nunha estación de tren, «unha vella monicrequeira agarda pero non sabe porque está alí. Os seus monicreques dentro dunha maleta serán a súa única pista para pescudar quen vén sendo e cal é o seu destino», destacaron dende o Concello desta «historia de amor dunha vella que desafía con valentía, humor e tenrura os límites da súa memoria para reunirse co amor da súa vida».