O Centro Dramático Galego pon en escena o seu espectáculo «Terceiro acto» no Pazo da Cultura
02 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Este sábado, a partires das 21 horas, o Centro Dramático Galego leva ao Pazo da Cultura de Pontevedra o seu espectáculo Terceiro acto no marco dunha xira co gallo da celebración do corenta aniversario da compañía pública de Galicia e no ámbito dunha xira que non fora posible levar a cabo no 2021 por mor da pandemia do coronavirus.
Esta segunda xeira desta posta en escena «mantén o mesmo espírito de homenaxe a unha xeración clave na profesionalización do teatro galego». Desta volta, segundo engadiron dende a Consellería de Cultura, César Cambeiro, María Costas e César Goldi uníronse a Belén Constela e Fernando Morán, que xa conformaban o elenco hai tres anos, para levar a escena as diferentes historias do espectáculo orixinal, con dirección compartida entre Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez. Del consérvanse, así mesmo, a escenografía deseñada por Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a coreografía de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz, en tanto que Laura Míguez se incorporou como axudante de dirección.
A última etapa da vida
Precisaron que Terceiro acto ofrece «unha reflexión sobre a última etapa da vida, á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual». Para conseguir este obxectivo, sobre as táboas, «unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Reviven o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizan tamén o seu legado e proxéctanse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital».
Tras a súa estrea en Lugo o 24 de outubro pasado, na que será a súa primeira representación fóra do Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede da unidade teatral da Xunta, e a súa montaxe en Pontevedra programáronse próximas funcións no Barco de Valdeorras, Cedeira, A Coruña e Ourense.
As entradas pódense adquirir a través de Ataquilla.com a un prezo de 8,5 euros máis gastos de xestión.