O Café Moderno amosa a capacidade de comunicar da linguaxe abstracta en Galicia

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Trinta e dúas obras compoñen a proposta pontevedresa do macropoxecto «Simultánea»

12 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

De Manuel Mampaso a Xurxo Gómez-Chao. De Ocre y gris, datada en 1960, a Big Bang 01 (O ceo caído), asinada 51 anos máis tarde. E así ata 32 obras elaboradas neste período de tempo por artistas do renome de Berta Cáccamo, Tatiana Medal, Antonio Murado, Rafael Úbeda, Manolo Ruibal, Laxeiro, Leopoldo Nóvoa... configuran no Café Moderno a mostra Abstraccións e mensaxes cifradas, unha das sete propostas do macroproxecto expositivo que Afundación está a levar a cabo nas sete grandes cidades galegas de xeito conxunto baixo o título de Simultánea.

ADRIÁN BAÚLDE

«É un proxecto dunhas características e dimensións inédito, dunha envergadura realmente considerable. Non temos referencias en España, por exemplo, dun proxecto similar», remarcou Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación. Resaltou que Simultánea exhibe fondos da colección de Afundación, que está formada por máis de cinco mil obras e que foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no 2015.

No caso de Abstraccións e mensaxes cifradas buscouse poñer de manifesto «a forza expresiva, a capacidade de comunicar e a potente personalidade creativa da linguaxe abstracta en Galicia», destacaron dende Afundación. A fin de contas, e segundo recolle o catálogo do proxecto, «a arte contemporánea utiliza formas abstraídas da realidade para interpretar o mundo de maneira subxectiva. A miúdo, busca transmitir emocións e estados de ánimo a través da combinación de cores, texturas e formas. Son unha poderosa canle de comunicación, creadoras dunha linguaxe visual propia».

Ramón Leiro

A mostra distribúese en seis bloques repartidos en dúas salas: Escuridade narrativa, Esencia cromática, Ritmo e luz, Xeometría creativa, Fragmentos en composición e Texturas en primeiro plano. «Moitas obras fan coma unha ponte entre un apartado e outro. Ao estar falando do mundo da abstracción o que cobra protagonismo, á hora de dividir estes apartados, son, sobre todo, os elementos compositivos das obras, texturas, cromatismos, luz, ritmo...», sinalou Alberto Blanco, da Área Educativa de Afundación.

Ramón Leiro

Entre as actividades paralelas, todos os xoves están programadas visitas guiadas a partires das 19 horas que serán de balde, aínda que haberá que retirar previamente unha invitación a través de Ataquilla.com, así como está previsto desenvolver un concerto coincidindo co Día da Música, o 22 de novembro.