O Festival das Núbebes festexa a súa décima edición con trece espectáculos en catro días
PONTEVEDRA
Vai ser os días 5, 6, 12 e 13 de outubro e haberá contos, teatro, música... e a despedida do grupo Pavís Pavós
25 sep 2024 . Actualizado a las 18:15 h.Volve a Pontevedra o teatro para os máis cativos da casa. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, e Andrea Bayer, de Baobab Teatro, deron conta este mércores do regreso do Festival das Núbebes, que festexa nesta edición o seu décimo aniversario. Terá lugar os días 5, 6, 12 e 13 de outubro entre o Teatro Principal, a súa sala de usos múltiples e a Casa das Campás e ten xa activada a venda anticipada de entradas a través da plataforma Ataquilla a un tres euros máis gastos.
Trátase, apuntou o concelleiro, dunha programación pensada «para o público máis importante de todos xa que é o máis novo, o que está aprendendo como é o teatro, e temos que meterlle o bicho na cabeza e no corazón desde que son ben pequerrechiñas e pequerrechiños».
Andrea Bayer, responsable da programación destacou «a emoción de volver coas Núbebes. É un festival moi demandando e querido. Arrincamos o día 5 e estamos moi contentos porque vai haber unha estrea dun grupo de Pontevedra, Bonnie Cooper». Trátase dun espectáculo de ópera cunha soprano, «que vai ser todo un reto pero penso que as pequenas e pequenos van agradecer». Subliñou que «son espectáculos pensados para toda a familia, o acubillo, ese momento de lecer xuntos, permitindo que veñan sempre o papá e a mamá».
A programación inclúe un total de 13 representacións repartidas en dous fins de semana, ademais da sesión de inauguración da que Bayer quixo resaltar unha anécdota: «Na inauguración adoitamos subir sempre algún bebé amigo e este ano levaremos á bebe máis pequeniña de toda a historia das Núbebes: Amelia, que ten agora 6 días».
No programa deses catro días de outubro hai contos, teatro, música... e unha despedida: «O grupo Pavís Pavós pon punto e final aquí no noso festival. É súper importante porque para nós son tamén amigos, formaron parte das Núbebes desde o principio e aportaron moito á primeira infancia. Tiñan que estar si ou si porque é a última vez que os imos poder ver e é un luxo que non nos podemos perder».