Ponteatro regresa o 10 de outubro cunha selección de seis obras galegas 

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Imaxe da peza «Terceiro acto», do Centro Dramático Galego, que estará en Ponteatro
Imaxe da peza «Terceiro acto», do Centro Dramático Galego, que estará en Ponteatro Santi M. Amil

Os abonos para todo o ciclo e as entradas soltas están xa a venda

20 sep 2024 . Actualizado a las 19:56 h.

Pontevedra volve a vivir o teatro da man do ciclo Ponteatro, que terá lugar entre o 10 de outubro e o 21 de novembro. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira (BNG), destacou na presentación do programa que están previstas seis representacións, cinco delas no Principal e unha, por cuestión de escenografía e montaxe, no auditorio do Pazo de Cultura.

Vai ser, apuntou Gómez, «un percorrido polo mellor do teatro galego. Gustaríanos ter máis xoves no ano para poder traer aínda máis, pero cremos que é un bo panorama do teatro galego e o seu compromiso coa actualidade do país».

Neste senso, o concelleiro salientou non só a calidade dos espectáculos senón o compromiso do teatro galego de tratar temas de actualidade e comprometidos. por exemplo, DeseXo de Talía Teatro (xoves 10 de outubro), achega unha reflexión sobre como é a nosa educación sexual; e O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, de ButacaZero (17 de outubro) fai unha reflexión sobre a esixencia do modelo de beleza das mulleres.

A peza Noso, de Os náufragos (31 de outubro), trata un tema de absoluta actualidade en Galicia que é o espolio eólico que está a sufrir o país.

En canto a O dragón de ouro, que porá en escena a compañía Sarabela teatro (7 de novembro), reflexiona sobre a situación da precariedade laboral e dos inmigrantes. E a peza que presenta Contraproduccións teatro, Entrega en man (21 de novembro), xira arredor do racismo e a violencia cun texto traducido e dirección de Cándido Pazó que é garantía de éxito.

Centro Dramático Galego

A sexta peza da programación, a única que vaise representar no Pazo e nun sábado (2 de novembro) e non un xoves coma o resto, é Terceiro Acto, posta en escena polo Centro Dramático Galego, que versa sobre unha troupe de actrices e actores veteranos que reúnese clandestinamente pola noite para emprenderen a que, quizais, sexa a súa última aventura xuntos.

As entradas están xa á venda en Ataquilla.com a prezos moi populares: os abonos para a 6 funcións a un prezo de 30 euros e as entradas para cada espectáculo a prezos de 8 euros, con descontos do 50 % para persoas desempregadas, maiores de 65 e estudantes. Todas as funcións están programadas para as 21 horas.

Ademais, haberá pases concertados con centros escolares de Secundaria e Bacharelato