«Bóveda é patrimonio de todos os galegos», sinalou o alcalde Ángel Moldes
14 ago 2024 . Actualizado a las 17:19 h.«A mellor homenaxe que podemos facer a Alexandre Bóveda é deixar ao lado a confrontación e poñer en valor todo o que nos une. Alexandre Bóveda é patrimonio de todas e de todos os galegos». Con estas palabras, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, quen estivo acompañado pola concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, e por Valentín García, da Fundación Alexandre Bóveda, presentou a programación da nova edición do Día da Galicia Mártir que se celebrará este sábado, no 88 aniversario da morte do insigne galeguista.
Como ven sendo tradicional, o acto institucional desenvolverase diante do monumento a Alexandre Bóveda en A Caeira, onde foi asasinado o 17 de agosto de 1936. A conmemoración dará comezo ás 13 horas e será conducida por Natalia Sabarís contando coa participarán do presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas; do vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero; e a filla do galeguista e presidenta da súa fundación, Amalia Bóveda. O acto está previsto que remate cunhas palabras de Ángel Moldes seguido da tradicional ofrenda floral e a interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio.
Ademais, entre os asistentes, xa están confirmadas a presenza do Conselleiro de Cultura, José López Campos, e do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, así como do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Previamente, o venres, presentarase o libro Alexandre Bóveda, lume vivo acesa chama, no Casal de Ferreirós ás 12 horas, coa intervención do autor Xan Leira e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
«Non se fixo máis durante este tempo porque desde a Fundación non chegamos a máis», apuntou, pola súa banda, Valentín García, neto do galeguista, quen destacou «o ofrecemento e o diálogo absoluto» do Concello de Poio durante todo este ano poñendo en valor a asistencia da Xunta aos actos.