Roberto Taboada aglutina nove libros da Colección Biblioteca Billiken coa que colaborou o galegista
08 ago 2024 . Actualizado a las 15:41 h.Galeguista, ensaísta, dramaturgo, caricaturista, médico... Son moitas e moi variadas as facetas que definen a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Sen embargo, e tal e como apunta o pontevedrés Roberto Taboada, unha das menos coñecidas polo gran público é a de ilustrador de libros infantís e xuvenís, unha labor que cultivou no exilio chegando a ser «o galego que máis libros ilustra da Colección Biblioteca Billiken, da editorial Atlántida, en Bos Aires».
Neste punto, Taboada sinala que «a actividade do exilio galego máis descoñecida é a que realizaron en editoriais e xornais arxentinos», de tal xeito que «van desenvolver un proxecto editorial de moita difusión e transcendencia na lectura infantil-xuvenil».
No caso concreto da Colección Biblioteca Billiken coa que colabora Castelao, esta constou de tres series: a vermella ou de obras mestras compendiadas da literatura universal; a verde, adicada a vidas famosas; e a azul, centrada no coñecemento de América. A este respecto, Roberto Taboada matiza que «Dieste planifica conxuntamente a colección ‘ouro', de divulgación cultural para un público xuvenil de temas literarios documentais», que abarcan dende o arte e a historia ata a ciencia, mentres que o vigués Federico Ribas «era o director de arte da Colección Biblioteca Billiken da editorial Atlántida».
Neste punto, Taboada destaca que, polo menos, doce destes libros levan ilustracións firmadas por Castelao, unha labor que levou a cabo durante tres anos, entre 1941 e 1944, período no que, ademais, «desenvolve unha grande actividade: Publica Sempre en Galiza, representa Os vellos non deben de namorar e crea o Consello de Galiza», engade o expolítico pontevedrés, un dos maiores coleccionistas privados da obra do galeguista nado en Rianxo.
Roberto Taboada ten claro que «as ilustracións achéganlle ao libro un valor estético», de tal xeito que as publicacións compendiadas na Biblioteca Billiken «son pequenas obras de arte». Nelas Castelao traslada, xa sexa con unha ampla gama cromática ou en branco e negro, con gran expresividade «as súas ideas reivindicativas».
Os títulos
En concreto, o galeguista deixou a súa impronta en Los negros en América, de Elsa Brunelli, Los sertones, de Euclides da Cunha, Marie Curie, de Jaime Espinar, pseudónimo de Mariano Gómez Fernández, Amadís de Gaula, versión de Garci-Ordóñez de Montalvo e E. Pérez Mariluz, El tonelero de Nüremberg, de E. T. A. Hoffman, versión de Rafael Dieste, Los héroes del África misteriosa, de Santiago Orfila; Miranda, de Lauro Palma, Grandes figuras de Grecia, de Plutarco, versión de Arturo Serrano Plaja, Grandes figuras de rima, de Plutarco, versión Arturo Serrano Plaja; Aventuras de Tom Sawyer; de Mark Twain; e Cuentos, de Oscar Wilde, adaptación de Rafael Dieste.
Tras precisar que na actualidade atesoura nove destes títulos, Roberto Taboada precisou que esta colección foi «impulsada polos exiliados galegos dentro do provecto cultural que desenvolveron en Bos Aires».