ButacaZero inaugura con «Iribarne» o ciclo Ponteatro no Pazo da Cultura de Pontevedra coas entradas esgotadas

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Geraldine Leloutre

A dramaturga Esther F. Carrodeguas recoñece que «foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar»

05 feb 2024 . Actualizado a las 16:39 h.

Este xoves, a partires das 20 horas e con todas as entradas esgotadas, ButacaZero serán os encargados de inaugurar no Pazo da Cultura de Pontevedra o ciclo Ponteatro co seu novo espectáculo, Iribarne. Trátase dunha «celebrada revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e con dirección de Xavier Castiñeira».

Geraldine Leloutre

Iribarne é o sétimo proxecto deste tándem creativo e «segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica». Deste xeito, a obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como «un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia». Recoñeceu que é «o traballo máis difícil que escribín ata agora», pois «foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar».

Geraldine Leloutre

No caso de Castiñeira, destaca que se trata dun personaxe «inabarcable», ao tempo que deixa claro que «entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo». Así, alude ás contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.

Geraldine Leloutre

Esta nova montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. «Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España», sinala a dramaturga.

Geraldine Leloutre

O elenco desta posta en escena está integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga, mentres que Diego Valeiras firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario; Diego Vilar ocúpase da iluminación; e Pablo Fontenla é responsable da parte audiovisual. Ademais, cóntase coa coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single Who the f*ck is Iribarne?