Ignacio Vilar, cineasta: «O noso país non necesita a Hollywood»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

LÓPEZ PENIDE

O director de A Esmorga ou María Solinha, que percorre Pontevedra co Cinemobil 3, defende que «temos que facer cine de lareira»

10 nov 2023 . Actualizado a las 16:39 h.

Tras dirixir A esmorga (2014), Sicixia (2016) e María Solinha (2020), Ignacio Vilar (Petín, 1951), ademais de recorrer a provincia de Pontevedra co Cinemobil 3, a iniciativa itinerante que homenaxea ao pioneiro do cinema galego José Gil, ten en marcha un proxecto didáctico co marchamo da Unión Europea. «Chámase Aura 1964. E fixen algo que non se fixo antes na historia do cinema. É o primeiro guión que se publica antes de rodar a película. De feito, Galaxia abriu a primeira sección de guión», apunta Vilar destacando que nesta obra aborda o paso de tres adolescentes na Galicia de 1964 á vida adulta, «un paso que todo ser humano vai ter que facer».

O tamén director de Pradolongo mostrase convencido de que «os espectadores teñen que participar no proceso creativo dunha película», polo que lles brinda a oportunidade de ler o guión dun proxecto cinematográfico que recibiu unha axuda do programa Media Europa Creativa que ten como obxectivo a coprodución e promoción de obras cinematográficas. No 2018 presentáronse trescentas propostas, das que cinco recibiron esta subvención en España, sendo Aura 1964 a única que se rodará en galego. «Así poden participar na orixe da película», engadiu Vilar en relación cun texto co que vai aos clubs de lectura ou aos institutos para que «setenta ou oitenta adolescentes poidan vivir unha experiencia na que é a primeira vez que len un guión de cine», apunta ao respecto.

Vilar, ao marxe da calidade literaria do texto, que a ten, resalta que a súa proposta é toda unha lección de historia para os estudantes, que teñen a posibilidade de vivir a realidade da Galicia dos anos sesenta a través dos ollos e as inquedanzas dos tres protagonistas, que non hai que esquecer que teñen, máis ou menos, a súa mesma idade.

«Foi unha época nefasta, de represión con ese elemento —en referencia ao ditador Francisco Franco—», incide o cineasta, ao tempo que recoñece que o feed-back cos estudantes, pero tamén cos adultos que acoden aos clubs de lectura, «é unha riqueza para min porque este guión está medrando. Non sabes o que están aportando os adolescentes», insiste rememorando o seu recente paso por un club de lectura de Nigrán no que participaron persoas que viviron a época de Aura 1964, o que lle permitiu coñecer a realidade das mulleres que ían aos colexios de monxas. Ademais, por diante ten previsto acudir a outra trintena de entidades semellantes.

CAPOTILLO

No futuro, a súa intención é trasladar este guión ao celuloide para o que precisa investimentos: «Estou buscando o diñeiro para facer a película. Tan pronto teña o diñeiro... Dicía Orson Welles: ‘Que é o cine? Diñeiro, diñeiro, diñeiro...'», apunta. Neste punto, apela ao contraste que vivirán os que leron o guión e se montaron a súa película na súa cabeza no momento que vexan traducidas as palabras do texto en imaxes en movemento.

En paralelo, Vilar, xunto con Manolo González, autor do libro Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil (Galaxia), están detrás do Cinemobil 3, unha réplica co vehículo co que José Gil levaba o cinema ata o último rincón da provincia e Galicia para vivir a experiencia do que era acudir a ver unha película hai case que cen anos.

Carreira profesional

Ignacio Vilar deu os seus primeiros pasos no cinema a finais da década dos noventa do século pasado rodando curtametraxes, caso de Edipo y Techné (1998) ou Disonancias (1999), pero tamén documentais. Deste mesmo ano é Polisóns, todo un anticipo do que sería a súa primeira longametraxe, Ilegal (2002), na que narra como dous xornalistas tratan de sacar á luz a unha mafia que transporta de xeito clandestino inmigrantes de África a Europa, obra na que a cidade de Vigo foi unha protagonista máis da trama.

«Levo vinte e cinco años neste mundo», sinala cando se lle pregunta pola situación actual do cinema galego, ao tempo que se mostra convencido de que a Concha de Oro da pasada edición, a número 71, do Festival de Cine de San Sebastián a O Corno, de Jaione Camborda, «é un dos pulos máis grandes para a historia do noso cinema. Iso constata o importante que foi descubrir a José Gil, a Chano Piñeiro... Ao final o cinema ten que ter unha historia e a nosa ven de lonxe e grazas a ela estamos aquí».

Ignacio Vilar, fronte a algunhas voces que pensan o contrario, entende que o sector en Galicia non precisa de ter unha industria como tradicionalmente se entende. «O noso país non necesita a Hollywood. Temos que facer cine de lareira, de fogar e o fogar é íntimo, non necesita de naves, non. É íntimo, e cinema de autor e de actor. É o noso cine, aquel que nos vai a axudar a ser nós mesmos. Non necesitamos a industria de Hollywood, pero si estamos a chegar a todo o mundo coas nosas películas».

Neste sentido, alude a un dos seus títulos más recoñecidos, A esmorga, que «está en dezaoito idiomas e con subtítulos porque sempre é en galego. Dezaoito idiomas son dezaoito países, como mínimo. Ollo que aguantou quince semanas nos cinemas».

É por elo que avoga por non esquecer aos pioneiros, entre os que destaca a José Gil ou Chano Piñeiro, «quen foi a rodar a Petín de Valdeorras que é de onde son eu». De feito, o círculo pecharíase no 2005 cando Ignacio Vilar filmou o documental Sempre Xonxa en Petín.