Pontevedra acolle unha reflexión amena sobre o futuro do idioma galego

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO DE PONTEVEDRA

Intervirán Paco Veiga, Fran da Lobeira, Kiko da Silva, Carlos Airas, Magdalena Sánchez, Neves Rodríguez e Xiao Berlai

28 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A novena edición do LGx15. Ideas para o futuro da lingua desenvolverase esta tarde, a partires das 19 horas, no Teatro Principal de Pontevedra co obxectivo de, a través de diversas charlas breves, transmitir «de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma galego, a través tamén da música e humor».

Nesta ocasión, os convidados son Paco Veiga, mestre, pedagogo e experto no estudo do xogo popular e tradicional, quen empregará o valor das palabras para falarnos da situación lingüística actual; Carlos Airas, emprendedor nos sectores deportivo e cultural e relatará as súas experiencias e recomendacións para mellorar a situación do idioma; ou Magdalena Sánchez, tradutora audiovisual e subtituladora, e a persoa que amosará unha panorámica do valor da tradución audiovisual e da dobraxe como factores normalizadores. De igual xeito, está previsto que participen Kiko da Silva, historietista, ilustrador, editor e director da escola profesional de banda deseñada O Garaxe Hermético, quen explicará como o cómic pode axudar a afianzar a lingua; e Fran da Lobeira, youtubeiro, twitcheiro e presidente da Asociación Cultural Obradoiro Dixital Galego, quen trasladará receitas para mellorar a presenza da nosa lingua en YouTube.

Apartado musical

A comunicadora e actriz Neves Rodríguez, pola súa banda, conducirá o evento e revelará as súas experiencias e ofrecerá consellos para o futuro da lingua.

CONCELLO DE PONTEVEDRA

De igual modo, na parte musical, poderase gozar coa actuación musical de Xiao Berlai, guitarrista, mandolina, voz, compositor e letrista de Berlai.

LGx15 convértese, en palabras do concelleiro Demetrio Gómez dun espazo para a reflexión, «non como un elemento aburrido ou lento, senón todo o contrario, tal e como se demostrará no Principal (...). Trátase dunha cita amena, case un espectáculo, no que reflexionar e escoitar as ideas e os pensamentos que os convidados teñen que aportar, traendo tamén experiencias persoais divertidas e curiosas», engadiu na presentación desta programación.

A cita está organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, do Concello de Pontevedra, de Deleite e da Fundación Galicia Sustentable. As entradas teñen un prezo de 6 euros na venda anticipada e de 10 euros na billeteira.