A sesión inaugural de Sete Falares no convento de Santa Clara correrá da man de Quico Cadaval. A entrada é de balde
03 jun 2023 . Actualizado a las 12:07 h.Dende hoxe e ata o vindeiro 11 de xuño, algúns dos mellores contadores de historias cítanse no convento de Santa Clara na que será a undécima edición de Sete Falares. Todas as sesións son de balde ata completar o aforo. Deste xeito, «a antiga igrexa do convento transformarase nun espazo único á hora de afinar a orella e atender aos mellores contadores e contadoras galegas e mesmo doutras partes do mundo», destacaron dende o Concello de Pontevedra.
Así, a programación abrirana hoxe, a partires das 21 horas, Quico Cadaval, mentres que mañá, co mesmo horario, tocaralle a quenda a Caxoto e o luns a Brais das Hortas. Xa o 6 de xuño, martes, tocaralle a Ánxeles Goas e Carmen Conde fará o propio ao día seguinte.
O xoves, serán Adriano Reis e Quico Cadaval con De dous en dous. O primeiro repetirá o venres, dende as 18 horas, mentres que, dende as 20 h., serán Cristina Verbena, Victoria Siedlecki e Pepito Mateo con Tres eran tres. Este ultimo voltará o sábado ás 18 horas e como remate desta edición, un Vermú de Contos (13 h.) con Cristina Verbena e a actuación de Victoria Siedlecki (18 h) como anticipo da Gala de Clausura que traerá ao convento de Santa Clara, a partires das 21 horas, a Adriano Reis, Cristina Verbena, Pepito Mateo, Quico Cadaval e Victoria Siedlecki.
Roteiro
Como novidade desta edición de Sete Falares, e segundo resaltaron dende o Concello de Pontevedra, o sábado 10 de xuño, ademais da programación a desenvolver na igrexa conventual, organizarase unha sorte de ciclo baixo o nome Rota de historias. Trátase dun roteiro que, partindo da propia igrexa, percorrerá lugares emblemáticos da cidade de Pontevedra namentres Adriano Reis, Cristina Verbena, Pepito Mateo, Quico Cadaval e Victoria Siedlecki comparten distintas historias.
Están previstas catro quendas para outros tantos grupos de sesenta persoas con saídas ás 22, 22.20, 22.40 e 23 horas. Neste caso concreto, «as invitacións poderán ser recollidas na igrexa de Santa Clara dende as 21.30 horas para todas as funcións», precisaron dende o Concello de Pontevedra, ao tempo que sinalaron que «cómpre lembrar que todas as actividades incluídas no programa terán unha entrada de balde até completar a capacidade».