Reivindicación e literatura danse a man na bisbarra de Pontevedra polas Letras Galegas

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Os concellos da contorna da cidade do Lérez renden homenaxe a Francisco Fernández del Riego

18 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Conxugando reivindicación e festa celebrouse onte en toda a bisbarra de Pontevedra o Día das Letras Galegas, que nesta edición adicouse Francisco Fernández del Riego. De feito a cidade do Lérez foi unha das nove localidades galegas onde se mobilizou a plataforma cidadá Queremos Galego para instar ás autoridades municipais unha vida «En galego, aquí e agora».

Á hora de convocar a concentración na praza de Curros Enríquez, a plataforma cidadá tivo moi presente a «grave situación de emerxencia lingüística», en palabras do seu voceiro Diego Bará. Unha situación que considera que é consecuencia «do desleixo e pasividade dos poderes públicos, que desprezan a crecente conciencia social sobre a lingua e a súa vontade de repoñela e normalizala».

Ramón Leiro

Tamén o 17M foi unha xornada de reivindicacións no Concello de Moraña, onde os veciños de Amil aproveitaron a efeméride para mostrar a súa oposición aos parques eólicos proxectados no monte Acibal cunha campaña que propón recuperar os nomes tradicionais dalgúns dos espazos deste entorno natural.

Pola súa banda, e xa no plano lúdico, as conmemoracións sucedéronse ao longo de toda a xornada. Así, o Centro Social A Pedreira en colaboración con concello desenvolveu a Festa da Lingua, unha iniciativa pensada non só para os más pequenos, senón tamén para os maiores con actuacións musicais, animación infantil e un xantar popular.

concello de marín

Tamén a música foi a protagonista deste 17 de maio na Boa Vila. De feito, estaba programado, por unha banda, a final do certame Música nas Letras que, conducido por Xurxo Souto, tiña previstas as actuacións dos tres finalistas, Javier Lago & Raúl Ben, Álex Outeda e BOHR. E, por outra, a Asociación Músico Cultural San Martiño organizou no Pazo da Cultura un concerto da Banda de Música de Salcedo e a Coral Polifónica de Salcedo.

Premios en Marín e Poio

Na bisbarra de Pontevedra, as celebracións estendéronse á práctica totalidade dos concellos. Así, no caso de Marín procedeuse á entrega dos premios do dezasete certame de Narración Curta que recaeron, no caso da categoría de adultos, en Rafael Vilar con A ceifa clara e en, no caso de escolares, Gabriel Medina (A guerra binaria), Aitor Cisneros (María no mundo agochado) e Kenia Río (O árbol de Sara).

Xa pola tarde, na outra ribeira do Lérez, o Xaime Illa Couto de Raxó, en Poio, acolleu o acto central das Letras Galegas no que se entregaron os premios do Concurso Literario Xaime Illa Couto. Nesta edición recaeron en Irene Rey Redondo, Daniela López García, Carla García Vicente, Candela Martínez Esperón, Aldara Casalderrey Esperón, Naiara Curra Quiñones, Alicia Souto Piñeiro e Dolores Asenjo Gil. Ademais, este evento incluiu un faladoiro sobre comunicación coas xornalistas Belén López e Sara Vila.

De igual modo, o Círculo Cultural Deportivo Sanxenxo entregou os premios do certame Os Picariños Mestre Hermida destinados ao alumnado de educación primaria desde concello e, asimesmo, a Alameda de Ponte Caldelas foi o epicentro duns actos que contaron coa intervención da mestra María do Carme Piñeiro, o grupo de canto tradicional Aires da Castrelada, o grupo de guitarras dos Coribantes e Samuel Soto.

Programa de hoxe

En todo caso, as conmemoracións polo Día das Letras Galegas continuarán hoxe cun concerto de Camerata Arven en Afundación de Pontevedra (20.30 horas) no marco do ciclo Do silencio á emoción. «Entre peza e peza recitaranse poemas do escritor e político Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913)», precisaron, ao tempo que desgranaron o programa deste xoves: «Interpretarán pezas tan representativas como Alborada galega, de Pascual Veiga; Quen poidera namorala, de Álvaro Cunqueiro; Unha noite na eira do trigo, de Manuel Curros Enríquez; Negra sombra, de Rosalía de Castro, entre outras».

Horas antes, o Príncipe Felipe acollerá a representación teatral Rosalía, a cargo de Culturactiva Producións, e á entrega de premios do certame artístico Príncipe das Letras e das Artes 2023.