Anselmo Villanueva, arquitecto: «A fachada da catedral de Santiago non estaría aí se daquela existise Patrimonio»

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Anselmo Villanueva, que a los 42 años acaba de revalidar su cargo como presidente del COAG en Pontevedra.
Anselmo Villanueva, que a los 42 años acaba de revalidar su cargo como presidente del COAG en Pontevedra. RAMON LEIRO

Acaba de revalidar o cargo como presidente dos arquitectos pontevedreses e avoga por construír con menos corsés e por «deixar experimentar»

15 may 2023 . Actualizado a las 16:23 h.

Anselmo Villanueva Peón (Marín, 1981), arquitecto e presidente da delegación en Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), defende que cando construímos hai que pensar nos que nos precederon, no seu legado, nas nosas necesidades e na herdanza que lle imos deixar aos que veñen detrás. El saíu dunha familia de canteiros e construtores e ten dous fillos. Ese é o seu pasado e o seu futuro. ¿O presente? Acaba de revalidar o seu cargo como presidente do COAG pontevedrés sen ter que enfrontarse a ninguén porque non lle disputaron o posto, en contra do que adoita ser habitual nesta entidade. Podería falar das súas metas. Do que ofrece. Pero charlar con Anselmo é outra cousa; a conversa convértese nun delicioso paseo pola arquitectura que viaxa con emoción na súas verbas e acaba virando cara a vida mesma. Porque, como el di, a materia pendente que temos na arquitectura probablemente é a mesma que suspendemos como seres humanos: «A humildade. Porque seguimos intentando demostrar poder coas nosas casas, cos coches, coa forma de vestir...».

Viaxamos primeiro ata a República Checa. Anselmo di que cando ao seu estudo de arquitectura chegan rapaces novos traballar ou facer prácticas sempre lles propón o mesmo exercicio. Lévaos coa mente ata os anos vinte e fainos visitar Villa Tugendhat, deseñada polo xenial Ludwig Mies van der Rohe. E estudan esa casa: «Amósolles este inmoble porque, aínda que ten un século de vida, segue totalmente vixente na actualidade. É unha casa que se fixo xa con aire acondicionado, con caldeiras de auga quente separadas das da calefacción, que ten un xardín dentro da casa... é un museo, un exemplo de boa arquitectura e unha mostra de que moitas veces hai que romper os esquemas, porque esta casa rompeunos e aínda está en plena actualidade. É unha casa manifesto, un exemplo mundial».

Pregúntaselle entón se os arquitectos teñen que ter un punto de transgresión. E frea: «Non, non me gusta esa palabra. As normas hainas que cumprir sempre. O problema non son as leis, senón as formas de interpretalas. Eu penso que o que hai que facer é liberarnos un pouco do corsé que temos, debemos experimentar e que a Administración nos deixe facelo». Cunha capacidade didáctica tremenda para pór exemplos de todo o que di, Anselmo sinala: «A fachada da catedral de Santiago, a do Obradoiro, non estaría aí se daquela existira Patrimonio. ¿Tapar unha marabillosa fachada románica con outra barroca tamén marabillosa? Nunca o autorizaría Patrimonio. E sen embargo aí temos a impresionante fachada actual. Non temos que ter medo de facer intervencións no patrimonio dende o presente, dende os nosos tempos. A catedral é un exemplo de evolución na arte e na arquitectura».

A conversa viaxa entón a este momento que nos está tocando vivir trala revolta da pandemia, que tal e como confirma afectou á arquitectura. «Xa había unha tendencia de que cada vez a nosa casa fora máis o noso cobixo, ese sitio onde nos sentimos cómodos. Pero a pandemia actuou de catalizador porque de súpeto fixámonos máis no sitio onde vivimos. E así ten que ser, porque dependendo de como estea deseñado o fogar as nosas relacións poden cambiar moito. Hai unha carta que lle escribe unha clienta a Adolf Loos, que foi un dos mestres da arquitectura contemporánea. Nos anos vinte, dille que dende que lles construíu a casa as súas relacións son mellores. Mellorou a relación de parella, gústalles máis estar na casa... Polo tanto, nós, se facemos as cousas ben, podemos mellorar moito as relacións humanas que se producen na nosa vivenda».

Na antíteses desta idea, da de facer casas axeitadas ás nosas necesidades, situaríase un dos grandes males que segundo Anselmo atacan á arquitectura: «O problema é que coas casas, como con todo, adoitamos querer facer unha demostración de poder fronte aos demais. ¿As casas que máis destacaban e desentoaban en Galicia cales eran? As dos emigrantes que volvían e querían amosar o ben que lles fora. Penso que pouco a pouco vai mudando esa tendencia, pero aínda ten que facelo máis. Debemos construír pensando na eternidade. Actuamos sobre a natureza».

Falamos de Galicia e sae na conversa unha frase do premiado arquitecto pontevedrés César Portela, que dixo algo así como que hai zonas das rías galegas polas que prefire non pasar a conta da desfeita urbanística. Anselmo di: «César ten una sensibilidade marabillosa. Eu non é por contradicilo, pero creo que Galicia é un diamante en bruto, e aínda se pode pulir. Intentémolo». Non soa música, pero igual debería.