Un espectáculo do Rock Lab clausura o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

PONTEVEDRA

concello de pontevedra

Ao longo da xornada desenvolveranse obradoiros e espectáculos, así como toda clase de actividades lúdicas

07 may 2023 . Actualizado a las 12:08 h.

Se o pasado xoves clausurouse a quinta edición do Congreso Internacional de Mediación Lectora, que se desenvolveu baixo o título de Libros (tamén) para xogar, coa intervención do pedagogo italiano Francesco Tonucci, este domingo baixará o telón o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se desenvolve no Pazo da Cultura de Pontevedra. Deste xeito, serán os integrantes do Rock Lab e os seus Contos do Grunge os que pechen o Salón a partires das 19 horas.

Previamente, están programadas toda unha serie de actividades que arrancarán coa apertura de Brazolinda, o espazo de xogos de mesa en galego, ás 11.15 horas. Quince minutos máis tarde, os primeiros obradoiros da xornada. Así, o artístico que, baixo o título de Xogo(s) de arte, dirixe a Asociación Paspallás; o de arte e poesía De libros vellos e poesías agochadas, con Cris Corral Soilán; e o de plástico literario Toc-Toc: facemos un libro xogo, con Sofía Venzel.

Non faltará tampouco este domingo, o Rodalibros do Salón, que ás 11.30 horas visitará a igrexa de Cerponzóns. Como tampouco faltarán os distintos espectáculo, o primeiro deles, Petiscos de lingua (12 h.), posto en escena por Migallas Teatro. Haberá unha segunda sesión ás 17.30 horas. Posteriormente, ás 12.30 horas, poderase gozar con Xogando coa Maxia de Magia en la Manga.

A esa mesma hora, o salón de actos do Pazo da Cultura acollerá o acto de recoñecemento aos autores homenaxeados nesta edición do Salón, María Fe Quesada e Manuel Lourenzo González.

Sesión de tarde

Xa en horario de tarde, ás 17.15 horas, obradoiro gastronómico con Reviravolta, Cociñar e xogar: cara de pizza; de smot-motion con Curiosaurios Club, Libros moi animados (17.30 h.); e de contos e maxia con Magia en la Manga, Ler é algo máxico! (18 h.).