¿Durará máis Lores na alcaldía ou Gayoso no Luar?: Os Maios sácanlle as cores aos políticos de Pontevedra

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Co campo abonado pola proximidade das eleccións, os meniños non perderon a oportunidade de tirar a dar coas súas coplas contra os candidatos do 28M

01 may 2023 . Actualizado a las 18:58 h.

«Aí ven o Maio, de frores cuberto». Iso di o poema de Curros Enríguez ao que o cantautor Luís Emilio Batallán lle puxo música. En Pontevedra volvéronse cumprir estas palabras xa que, como manda a tradición. maio iniciouse coa Festa dos Maios; con esas figuras de fiuncho, margaridas e calas e, por suposto, coas coplas dos meniños, que tiraron diso tan bonito chamado retranca. Ao igual que o ano pasado, foron cinco os Maios que competiron sobre o escenario, procedentes de Marcón, Campañó, Campolongo, San Xulián (Marín) e Monte Porreiro. Coas eleccións locais a tiro de pedra, o campo estaba máis que abonado para o pertinente sarcasmo das coplas. E así foi. Deron paus a esquerda e dereita, aos do PP, do PSOE e do BNG. E, por suposto, houbo nutridas referencias a Lores, presente na praza da Ferrería. Os rapaces de Marcón sacaron da gorxa una copliña que fixo rir ben ao respectable: «Lores e o señor Gayoso seica se andan a picar, av ver quen aguanta máis na alcaldía ou no Luar».

Os Maios non deron comezo na Ferrería ata pasadas as once e media da mañá. Fixérono con algo de retraso, pero foi acertado que así acontecera porque deste xeito os rapaces libráronse de empezar a cantar mentres unha das manifestacións convocadas polo Primeiro de Maio pasaba polo ladiño e se escoitaban berros de «IPC solución». Mentres os rapaces esperaban para subir ao escenario, a praza ía enchéndose de público desexoso de comprar pola vontade as coplas de cada Maio. Por alí foron facendo acto de presenza os políticos neste tempo de vésperas electorais. Do BNG estaban tanto o alcalde Lores como Carme Da Silva. Do PP tampouco faltaba o líder, Rafa Domínguez, que estaba tremendamente contento porque por primeira vez era xurado dos Maios. E do PSOE viuse por alí a varios espadas, como Iván Puentes, Yoya Blanco ou Paloma Castro.

Conforme os rapaces foron pasando polo escenario e comezaron a cantar, estreáronse tamén os sorrisos. E iso que a calor e o sol de xustiza eran abafantes. O primeiro riso colectivo chegou coas monxas de Santa Clara. Porque os rapaces da asociación de veciños de Campañó cantaron: «Non queremos dubidar, Santa Clara era de monxas, pero tiña o xardín todo cheo de pelotas», en alusións a todos eses balóns que recuperou o Concello no recinto do convento e que incluso lle entregou aos nenos que os pediron.

A temperatura non deixaba de subir nin no ambiente nin no escenario, onde as coplas tocaron practicamente todos os temas de actualidade, dende o problema de Doñana ás leas de Podemos pasando pola marcha de Feijoo a Madrid. E, aínda que moitas non soaron no escenario porque os representantes de cada Maio teñen moi limitado o tempo de actuación, nos folletos que os nenos foron vendendo (pola vontade, todo hai que dicilo) si se lían críticas aos candidatos pontevedreses de todos os partidos. A Lores achacáronlle os moitos anos na alcaldía, as voltas que hai que dar polo peche da rúa Raíña Victoria; ao socio socialista Iván Puentes metéronlle o dedo na chaga interna do partido, acusándoo de non portarse ben co seu compañeiro Tino Fernández e ao popular Rafa Domínguez sinaláronlle que non se lle coñece nos carteis «que parece que un irmán se presenta por el» e tamén que anda alporizado porque Lores non lle deixa «facer en Raíña Victoria skate coa Rafaneta».

Tralas coplas, roscón para todos os pequenos cantareiros e música de gaitas co grupo Son da Pedra de Pontevedra. Ao xulgado tocáballe entón a nada doada tarefa de elixir gañador. E, sobre a unha media da tarde, houbo veredicto. Na categoría de maios o primeiro posto foi para colexio Marcos da Portela (Monte Porreiro); na sección de cantigas impúxose Marcón, que tamén se fixo co premio á mellor coroa e o especial Maios; en canto á interpretación gañou o colexio de Campolongo e o premio especial do xurado foille otorgado ao maio dos veciños de San Xulián, en Marín. Satisfeitos polo traballo feito, os nenos participantes teñen agora un reto, que llo puxo a micrófono aberto a poeta Miriam Ferradáns: «Defendede a luz con uñas e dentes», berrou ela.