Nee Barros gaña o María Victoria Moreno coa novela «Nom estamos quebrades»

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Nee Barros, asinando un  exemplar de «Non estamos quebrades»
Nee Barros, asinando un exemplar de «Non estamos quebrades» CONCELLO DE PONTEVEDRA

Cuarto de Inverno edita a obra baixo o patrocinio do Concello

03 abr 2023 . Actualizado a las 19:56 h.

A novela Nom estamos quebrades, de Nee Barros, resultou gañadora da quinta edición do premio María Victoria Moreno, impulsado polo Concello de Pontevedra no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. A concelleira de Cultura, Carme Fouces (BNG), presentou este luns a obra, editada por Cuarto de Inverno.

«Xa son cinco anos que levamos premiando a literatura infantil e xuvenil —sinalou Fouces—, pero este premio é un chisco máis especial xa que Nee criouse no seno do Salón. O Salón tiña 3 anos cando el naceu. Acudía dende moi pequerrechiño con toda a súa familia e formou parte do seu imaxinario e probablemente este e outros espazos contribuíron a que hoxe sexa quen é».

Pola parte do xurado, que tivo que decidir entre 30 obras, Andrea Barreira destacou que a novela de Nee Barros «é un libro valente e moi necesario que toca varios puntos moi interesantes: a diversidade, tan importante, que sempre estivo aí pero ás veces non queremos vela. A xente terá un espello no que se mirar neste libro. Un libro que está cheo de referentes de aquí, galegos, a nivel musical e literario. Visibilizarnos entre nós é algo que as veces esquecemos. Finalmente, o xeito do que fala das relación humanas, o ben retratada que está a amizade tanto nas cousas boas como as malas»

Nee Barros mostrou o seu agradecemento polo premio. «Foi moi especial que fora acollido así, cun premio e máis o María Victoria Moreno. Agora teño gana de coñecer a opinión dos lectores. É difícil escribir desde o punto de vista que escribo, xa que procuro representar realidades que vivo ou presencio a diario e que non están representadas. En Nom estamos quebrades falo de modelos de relación que non coñecemos tanto, persoas racializadas, autistas, busco normalizar o uso do pronome ele e do xénero neutro, o galego reintegrado...».

Sen querer desvelar moito da historia, Nee Barros adiantou que o libro «parte dunha rapariga adolescente, universitaria, que rompe co seu mozo e a partir de aí e da man do seu mellor amigo descobre que non tiña tantas certezas como pensaba sobre si mesma. Comeza a cuestionarse, a coñecer outras persoas, a tentar aprender. Non falo de lugares concretos pero está ambientada en Santiago de Compostela e ese saída nocturna serve tamén para falar do pouco accesible que é para as persoas autistas saír de festa e outras moitas situacións como entender algúns mecanismos de comunicación social ou que as veces nos resulte máis complicado manter amizades, porque non estamos nun mundo adaptado a nós».