A Deputación de Pontevedra saca a Xosé Conde Corbal de 25 anos de esquecemento

PONTEVEDRA

LÓPEZ PENIDE

02 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Co obxectivo de reivindicar a súa figura e o seu legado, o departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra conmemorará o centenario de Xosé Conde Corbal, considerado como un dos máis grandes artistas galegos do século XX. E o fará por partida triple: a publicación dunha nova edición do seu libro de 88 gravados O fardel de guerra baixo o título de O fardel da memoria de Conde Corbal, a exposición dunha selección deses gravados e a celebración dunhas xornadas sobre Arte e memoria nas que se falará da súa figura e de como a expresión artística serve para espallar a memoria.

A deputada María Ortega destacou que se busca homenaxear a unha persoa que, a través da arte, amosou o horror que se viviu na represión durante a ditadura. Neste sentido, aludiu a que as láminas de O fardel de guerra, que foron creadas nas décadas de 1970 e 1980, deu unha visión poliédrica do golpe de Estado en Galicia, representando todas as tipoloxías posibles de vítimas —persoas asasinadas, presas, fuxidas no monte, rapadas, nais orfas de fillos e fillas...—, pero tamén dos represores, destacaron dende a Deputación. «Xosé viunas con esa ollada de artista, empática, que transmite o sufrimento pero tamén a esperanza de persoas que eran quen de facer unha Galiza con futuro», precisou Ortega.

Pola súa banda, o coordinador dos actos do centenario, Antón Mascato, sostivo que a obra de Conde Corbal «non é menos interesante» que a dos Álbumes de guerra ou ‘tila en Galicia de Castelao. Sinalou que A exposición cos gravados de O fardel de guerra poderá visitarse a partir do 21 de abril no vestíbulo do Pazo Provincial, mentres que ese mesmo día arrancarán as xornadas para as que xa está aberto o prazo de inscrición

Enrique Conde Escuredo, quen estivo acompañado pola súa irmá Ana, agradeceu que a Deputación saque figura de seu pai de 25 anos «de esquecemento».