Retranca Editora publica, por primeira vez, en galego «Cando sopra o vento»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Kiko da Silva, este venres, na inauguración do certame BDRA Gráfica  en Pontevedra
Kiko da Silva, este venres, na inauguración do certame BDRA Gráfica en Pontevedra Ramón Leiro

Trátase dunha banda deseñada obra de Raymond Briggs que leva máis de catro décadas descatalogada en España

19 mar 2023 . Actualizado a las 15:25 h.

Como colofón ás primeiras xornadas BDra Gráfica que se desenvolven en Pontevedra e ao término da conversa programada no Teatro Principal con Miguelanxo Prado (Premio Nacional de Cómic 2014), Kiko da Silva, coordinador deste salón, director de O Garaxe Hermético e editor de Retranca Editora, ten previsto anunciar este domingo a edición, por primeira vez, en galego no vindeiro maio dun clásico do cómic que leva máis de corenta anos descatalogado en España: Cando sopra o vento, do autor inglés Raymond Briggs, recientemente falecido. Esta banda deseñada «conta a historia de James e Hilda, unha parella de xubilados, que viven tranquilamente na súa pequena casiña da campiña inglesa, entretidos nos seus pouco estresantes quefaceres. De súpeto, a radio anuncia o inicio das hostilidades e ambos, con experiencia nos bombardeos da II Guerra Mundial, afánanse en prepararse un refuxio doméstico contra as bombas. A deflagración non se fai esperar e o matrimonio pon en práctica os consellos dos folletos gobernamentais coa esperanza de sobrevivir».

A obra relata como Jim, que leu os folletines oficiais sobre a a bomba atómica, «inicia a construción dun refuxio que lles protexerá en caso dunha explosión nuclear. Cando finalmente a terrible bomba explota os doces anciáns descubrirán os terribles efectos da guerra nuclear e o horror da radiación no ser humano».

Trátase, en opinión de Kiko da Silva, «dunha historia devastadora creada en banda deseñada por Raymond Briggs en 1982 e adaptada ao cinema en 1986 que tras anos do desastre de Chernóbil ou Fukushima volve a estar desgraciadamente moi de actualidade. Unha banda deseñada imprecindible para concienciar ós máis novos dos perigos da guerra nuclear».

Cunha banda sonora na que aparecen os nomes de Roger Waters e David Bowie, que interpretaron a canción dos créditos, Genesis, Squeeze e Paul Hardcastle, a película está tamén considerada como un clásico da animación para adultos.