Suspendido o Armadiña Rock de Combarro que xa pensa na edición do 2024

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

PONTEVEDRA

ACDeM Armadiña

A organización anunciou un descanso para repoñer folgos

14 mar 2023 . Actualizado a las 18:15 h.

O afeccionados á música en directo da bisbarra de Pontevedra recibiron con tristura e estupor o anuncio feito onte da suspensión do Armadiña Rock, un dos principais festivais musicais de balde de Galicia, deste ano: «Quizais esta non sexa a mensaxe que esperabades a estas alturas. Este podería ser o anuncio das datas do Armadiña Rock 2023 ou un pequeno adianto do formato do festival, mais desta volta non vai ser así. Temos que anunciarvos que este ano non haberá Armadiña Rock», sinalaron dende a organización antes de explicar os motivos que lles levaron a tomar esta decisión.

Así, tras recordar que a ACDeM Armadiña é unha asociación sen ánimo de lucro na que todas as persoas son voluntarias, precisaron que «nos últimos anos, todo foi mudando: As nosas vidas persoais sufriron cambios importantes, os ánimos xa non son os mesmos ou o noso tempo libre xa non é o que era».

A isto sumouse o feito de que «organizar un festival aberto desde unha asociación de voluntarias non é o mesmo que facelo desde unha empresa privada. Os impedimentos e escasos apoios a nivel administrativo e institucional escasean máis cada día». Ao tempo, lamentan «a pouca confianza en asociacións como a nosa, que non se lucra deste tipo de eventos, tamén fixo que nos últimos anos tivésemos que ir sacando forza das reservas, e iso, como ben comprenderedes, acaba por esgotar», engadiron dende Armadiña.

Pensando no 2024

En todo caso, aclaran que non teñen intención de deixar o Armadiña Rock «á deriva». Entenden que a suspensión deste ano como «un descanso que nos permita repoñer folgos e ilusión para regresar con forza no 2024. Non queremos que pensedes que isto remata aquí. Non. O Armadiña Rock ten moita vida por diante», remarcaron ao respecto.

Na súa carta aberta, os integrantes da ACDeM Armadiña aproveitan para agradecer a labor feito polos voluntarios, «infatigables», ao longo dos anos, pero tamén aos festivaleiros que «acudides a Combarro todos os anos, sexa cal sexa a proposta, e que, ademais de gozar, facedes todo o que estea na vosa man para impulsar o festival e enchelo de amor». E todo isto sen esquecer ás empresas de Poio e aos patrocinadores. «E, por suposto, ás nosas veciñas, que, sabendo o que supón un festival coma este na vila, sodes o sustento primeiro. A cada unha de vós, hoxe, máis ca nunca: grazas por estar aí, por confiar», conclúen un comunicado no que piden confianza, «porque volveremos. O mar seguirá a medrar».