Aínda é tempo de entroido na bisbarra de Pontevedra

PONTEVEDRA

concello de campo lameiro

Poio, Campo Lameiro, Tenorio e Barro programan distintas actividades para este sábado

04 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa entrados no mes de marzo, aínda hai algúns concellos de Pontevedra que estenden as festas de entroido estes días. É o caso de Poio, que esta tardiña celebrará o Enterro do Galo Fodorico Augusto Bastante e a Festa Choqueira. O cortexo fúnebre partirá ás 20.30 horas dende O Sartal ata as proximidades do mosteiro, onde estará habilitada unha carpa e na que poderase gozar dunha degustación de produtos típicos do entroido, como orella, costela ou chourizos.

Pola súa banda, en Tenorio, Cerdedo-Cotobade, desenvolverase dende as 17 horas unha festa de entroido no novo Centro Sociocultural. A organización ten previsto celebrar un concurso no que se premiarán os mellores disfraces en categoría infantil e adulto e todos os asistentes poderán degustar un chocolate quente.

E no caso de Barro, o concello pechará as actividades de entroido organizando, a partires das 20 horas, o Festival de Murgas na Nave da Música que alcanza a súa cuarta edición coa presenza de Os do Val do Lérez, El equipo Ja e a Murga de Naveiro.

Tamén Campo Lameiro pecha hoxe o seu entroido cun gran desfile de disfraces que arrancará ás 17 horas dende a rúa Veigas de San Miguel e finalizará na estrada de Codesada. Participarán dez comparsas convidadas: Os Solfamidas (Campo Lameiro), Os Paparrulos (Marín), As Sonecas (Campelo), Luces (Tomiño), Las Flores del Carnaval (Monte Porreiro), Revolución Show (Tomiño), Os 100Tolos (Campelo), Os Miúdos (Arcade), Os da Caña (Marín) e Os Canecos (Poio).

Ao remate, e tras coñecer a decisión do xurado, terá lugar un baile na praza do Concello amenizada por un DJ.