Chega ao Teatro Principal «A foto 51», divulgación científica con perspectiva de xénero

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, durante a presentación de «A foto 51»
A concelleira de Cultura, Carme Fouces, durante a presentación de «A foto 51» CONCELLO DE PONTEVEDRA

Terá lugar os días 10 e 11 de febreiro para conmemorar a xornada intenacional da nena e a muller na ciencia

28 ene 2023 . Actualizado a las 21:32 h.

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá os días 10 e 11 de febreiro «A foto 51», unha cita de carácter divulgativo e científico con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. «Desde que hai rexistros a ciencia vainos acompañando na historia humana: o lume, a roda, as vacinas, os foguete espaciais… Estamos nun intre onde mesmo os medios xeralistas utilizan un grande espazo das súas edicións para noticias sobre ciencia, hai canles especializadas, podcasts temáticos… Que queremos facer nós? Levar a ciencia até a nosa cidade», indicou a concelleira de Cultura, Carme Fouces (BNG), na presentación do acto.

A idea é ofrecer unha nova mirada sobre a ciencia, partindo de bases actuais e necesarias, como a perspectiva de xénero. «É un eido onde tamén se repiten patróns negativos, como é o desigual reparto de poder e responsabilidade e até persecución das mulleres ao longo da historia —subliñou Fouces—. A día de hoxe, existe unha fenda brutal entre a carreira profesional dun home e a carreira profesional dunha muller dentro da ciencia».

O día 10 terá lugar a conferencia da matemática Ana Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonenburger 2022, que tratará cuestións da súa área científica mais vinculados coa perspectiva de xénero.

O sábado 11, a axenda tornarase máis intensa, tendo como base un encontro divulgativo con até 13 poñentes, que ofrecerán charlas de dez minutos ao longo da mañá e da tarde. «Queremos facer o contrario do que acontece en moitos encontros científicos: aquí máis do 90 % das que falarán serán mulleres», explica a edil.

A axenda do día 11 é a seguinte:

11.00h - Presentación do evento

11.15h - Iria Veiga - O terceiro que Camiña a miña beira: alucinacións históricas

11.25h - Paula Otero - Previr o cancro a golpe de xeringa

11.35h - Concurso Nanocharlas (https://apuntate.pontevedra.gal/)

12.00h - Descanso

12.20h - Elena Vázquez - Números máxicos

12.30h - Laura Veiga - Máis diversidade, mellores resultados

12.40h - Sandra Román - A cultura anti-dieta

12.50h - Olalla López - Historia das mulleres dos mortos

Esta primeira sesión de mañá tamén contará cun obradoiro para a cativada, para crianzas de entre 7

e 12 anos.

17.00h - Xurxo Mariño - O dilema obstétrico

17.10h - Joana Magallaes - Tecedeiras de duplas hélices

17.20h - Eva Cabanelas - Aos gatos nin tocalos

17.30h - Descanso

17.50h - África González - Inmuno Power: coñece e fortalece as túas defensas

18.00h - Estíbaliz Espinosa - Cosmos en perspectiva e poema

18.10h - Tamara Pazos - A perversión do benestar

18.20h - Premio concurso Nanocharlas

18.30 - Espectáculo co Piano-Bar Periódico ‘Elemental’

As nomeadas Nanocharlas precisan de inscrición previa para participar na web oficial do Concello de Pontevedra, no apartado Apúntate. Son charlas de moi poucos minutos onde a xente pode probar a divulgar, iniciarse neste mundo, tentar explicar ciencia nun formato pequeno.

Doutra banda, tamén está prevista a realización de varios roteiros científicos, para os días 11, 12, 25 e 26 de febreiro, e que tamén precisa de inscrición e reserva de praza en Apúntate.

Por último... Por que A Foto 51? De onde vén este nome? A Foto 51 é o nome informal que se lle deu a unha imaxe de difracción de raios X do ADN froito do traballo realizado por Rosalind Franklin ao longo da súa investigación no King's College de Londres. Esta foto foi unha proba fundamenta para identificar a estrutura do ADN.

Maurice Wilkins mostroulle esta foto a James Watson sen ter Rosalind Franklin coñecemento de tal asunto. Esta fotografía converteuse nunha das probas decisivas que levou á confirmación da estrutura dobre helicoidal do ADN, que fora postulada ao longo de 1953 nunha serie de varios artigos publicados na revista Nature. De tal xeito, a Foto 51 converteuse na proba definitiva que as investigacións destes homes (Watson, Crick e Wilkins), logo gañadores do premio Nobel de Fisioloxía e Medicina, precisaban. Nunca citaron á Franklin nin o seu traballo, nin esta soubo nunca que a súa imaxe fora a peza que precisaban os gañadores do Nobel para probar a súa investigación.