Susana Nobre, realizadora de cine: «Neste momento estou completamente mergullada na ficción»

PONTEVEDRA

LÓPEZ PENIDE

A realizadora, guionista e produtora lisboeta foi protagonista do Foco de Novos Cinemas

18 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A lisboeta Susana Nobre é a protagonista da sección Foco de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, que nesta xornada de clausura proxectará os seus filmes O que pode um rosto e Lisboa-Provincia: «Sentinme moi contenta porque é a primeira vez que un festival fai un Foco sobre o meu traballo. Non tiña a conciencia de ter unha obra no sentido de poder facer xa unha retrospectiva», sinala cando se lle pregunta como recibiu esta nova».

—Proxectáronse ao longo do festival catro dos seus filmes e todos teñen en común o seu marcado acento realista.

—Si. Comecei a traballar no mundo documental no sentido tradicional e, a partir de aí, teño desenvolvido filmes máis guionizados, máis de argumento... Penso que neste momento estou completamente mergullada na ficción. Escribo todo, dirixo, pero sempre partindo do realismo.

—Realizadora, guionista, produtora...

—Sempre fixen a produción dos meus filmes, aínda que agora menos. Conseguín crear un equipo que me axuda moito nas labores de produción. Son asociada de Terratreme dende o inicio, mais neste momento teño máis liberdade para o meu traballo como realizadora e consigo equilibrar máis as cousas. Tiven momentos moi complicados de sentir que a miña vida como realizadora estaba un pouco en perigo porque tiña moito traballo administrativo. Mais gústame a idea de non estar soamente concentrada sobre os meus proxectos, traballar nos de outras persoas, de crear as condicións necesarias para que outros poidan filma. É algo que me recompensa moito. Estou nun bo momento.

—Como está a industria do cinema en Portugal?

—Non sei se podemos falar propiamente dunha industria. É unha industria media que se intenta crear. Penso que hai focos de financiamento por parte do estranxeiro, moitos filmes estranxeiros están sendo producidos en Portugal como series de Netflix. Veñen atraídos polo cash rebate. Penso que desequilibrou o mercado. Os salarios dos técnicos subiron moito polas grandes producións, o que pon en risco un cinema máis artesanal que non os pode pagar. Estamos nun momento un pouco estraño. Hai máis diñeiro, pero o diñeiro desequilibrou un pouco o mercado da man de obra que pode por en risco certo cinema máis artesanal.

—Como se pode explicar que o cinema portugués, tan próximo xeograficamente a España, sexa tan pouco coñecido?

—Creo que certo tipo de cinema autoral é moi coñecido no circuito de festivais internacionais. Pero non sei moi ben porque non é tan coñecido en España, non sei se é pola lingua. Non teño explicación, mais tamén en Portugal o cinema español non é moi divulgado