Unha xornada profesional como anticipo do Culturgal que se inaugurará en Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

LEGRET

A promoción escénica e musical galega, eixo da sesión de onte

25 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa celebración, por primeira vez, dunha xornada profesional de promoción escénica e musical de Galicia, este xoves botou a andar no recinto feiral de Pontevedra unha nova edición, a número quince, do Culturgal, que será inaugurado este venres. A sesión de onte reuniu máis de vinte responsables de programación de municipios, teatros e festivais de Galicia e do norte de Portugal con medio centenar de representantes de compañías escénicas, grupos de música, empresas promotoras e distribuidoras integrantes das asociacións organizadoras.

Jacobo Sutil, director da director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), destacou a evolución do Culturgal cara a esta dimensión máis profesional para incentivar o negocio cultural, «un compoñente crucial que ten que ter esta feira como socia prioritaria». Ao tempo, subliñou a suma de esforzos por parte da Xunta e das dúas asociacións galegas de empresas de artes escénicas e de música para o desenvolvemento desta iniciativa, así como a participación de axentes chegados desde Portugal. A fin de contas, «a nosa difusión cultural cara á outra beira do Miño é un destino natural que temos que valorar e coidar desde ambos os lados da fronteira».

Accións de networking, presentacións, coloquios e roldas de negocio a modo de reunións personalizadas completaron unha xornada enfocada prioritariamente aos programadores dos espazos asociados á Rede Galega de Teatros e Auditorios, sen deixar de lado o resto das programacións que acollen os escenarios representados nesta xornada profesional, destacaron dende Agadic.

De igual modo, neste primeiro día de Culturgal estaba previsto que se celebrase a xuntanza da comisión artística do devandito circuíto de espectáculos, que a Xunta promove canda a unhas 40 entidades locais de toda Galicia.

LEGRET

A feira da cultural galega abrirase a todo o público este venres despregando ata o domingo unha ampla oferta de actividades, á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades contribúe coa organización directa de preto dunha trintena de citas. Así, están previstos talleres, presentacións, concertos e representacións escénicas, que terán lugar tanto no stand da Xunta como no resto dos espazos da feira. 

Este venres, ademais, da inauguración oficial, arrancará a programación, por así dicilo, xeneralista. Así, no auditorio Baobab Teatro (17.30 horas) porá en escena O lobo e a lúa, peza enmarcada no programa TeceRedes da Xunta que propón teatro e monicreques para público familiar a partir de 2 anos, mentres que, a partires das 21 horas, a compañía Nova Galega de Danza estrea o seu último espectáculo Credo, que conta co apoio do programa de coproducións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e presenta unha adaptación poética da obra de Celso Emilio Ferreiro.

Pola súa banda, e con acceso libre ata completar o aforo, no Espazo Cinema proxectarase a longametraxe (19 h.) O corpo aberto, de Ángeles Huerta, que confirmou a súa asistencia a esta cita xunto con Gaspar Broullón, produtor executivo, e parte do equipo. Xa no Espazo Libro programáronse, entre outras actividades, as presentacións de As Herbas de San Xoán, de Silvia Domínguez, ou Barroco, de Antía Otero, así como estreará o proxecto editorial e performático premiado no Fondo de Proxectos culturais do Reino de Galicia da Deputación da Coruña 2022, A faia de Ponto. Le Roi de la Galice, Con Alba Cid, Estevo Creus e Pablo Castaño.

No Espazo Infantil, pola súa banda, sucederanse os xogos de mesa en galego de Brazolinda, do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22. Programa TeceRedes; presentaranse os libros O Porco Farruco, Unha ponte para Najla, As viaxes de tartaruga e formiga, Feitizo no val e O libro falador, de Edicións Fervenza; e animarse á lectura cunha acción que ten como base o libro A estrambótica volta ao mundo en oitenta días, de Pinto & Chinto. De igual modo, as actividades continuarán no Espazo Profesional e coas presentacións literarias e de exposicións no Espazo Arte, mentres que se desenvolverán sendas asambleas de AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e da Asociación Galega de Videoxogos.